jump to navigation

Un solo e un septeto no Festival Vibracional

5 de Xuño 2009 - Enviado por Folque a: Concertos,Novas
Trackback

ferranfagesContinúa o Festival Vibracional da Sala Nasa cunha dobre e suxestiva actuación iniciada polo catalán Ferrán Fagés e continuada por unha acción -concebida nos 50 en USA polo colectivo de arte experimental Fluxus- do Poema 1960, unha partitura para mobiliario e espazo.

Ferrán Fagés é un músico improvisador residente en Barcelona. Desde o ano 2000 involucrado en proxectos estables como Cremaster (xunto Alfredo Costa) e o trío Fages-Barberán-Costa Monteiro. No último ano empezou a preparar material para tocar en solo con dispositivos electrónicos despois de ter compartido experiencias con músicos como Norbert Möslang, Hill Guthrie e Jean-Phillipe Gross. Ten publicado mais de 20 discos en selos de España, Portugal, Grecia, Italia, Slovenia, Inglaterra, Francia, Estados Unidos e Xapón.

A continuación subirá a escena Poema 1960 peza para seis asentos de La Monte Young, que se cuestiona diferentes aspectos do feito musical. Que pasa se a música se despraza cara o que suxire, cara ao espazo de expresión inmaterial e ás imaxes que evoca? Podemos entender a música na súa dimensión pura e exclusivamente abstracta, efémera, intanxible, sen necesidade de ser nin tan só sonora? Que pasa se escribimos música sen notas? É a música únicamente son? Está a música ligada ao espazo onde se interpreta? Se para a maioría da poboación que asiste a concertos a música é un ritual e un conxunto de símbolos, que van desde os horarios do concerto ata a disposición de atriles e instrumentos no escenario, ¿podemos organizar unha peza a partir de instrumentos que non son propiamente interpretados, en auditorios nos que non escoitaremos música e aplausos ao final dunha peza?

O desconcerto do público, a irritación do espectador é intencionada e se verifica a través da súa inclusión no proceso de produción. A tese de que “todo home é un artista” de Joseph Beuys e Robert Filliou, apela directamente á aberta e creativa actitude do espectador diante dun produto artístico coma este.

Comentarios

Comentarios fechados