regueifa.org, nova web
13 de Xuño 2009 - Enviado por Folque a: Nova Publicación,NovasTrackback
A Asociación ORAL de Galiza do Centro Veciñal e Cultural de Valladares acaban de abrir unha interesante páxina web sobre o canto improvisado, a máis completa feita até hoxe desde Galiza e que pretende ser un aglutinador desta manifestación cultural que entronca aos regueifeiros, brindeiros, payadores, repentistas, bertzolaris,… de todo o mundo e ás novas correntes coma a do hip-hop, o poetry slam ou os match improvisadores.
Así se presenta esta web:
“Dende a ORAL creamos este sitio coa intención de abrir unha ventá, a través da internet, a todas aquelas persoas interesadas e con inquedanza nesta vertente da improvisación oral rimada.
A regueifa é a manifestación máis estendida no noso país do secular arte popular da improvisación oral en verso do que se atopan referencias dende a Antiga Grecia e Roma pasando polas cantigas de escarnio e maldicir da Idade Media ata os nosos días.
Pero non só falaremos da súa orixe, da súa técnica, de cómo aprendela e practicala ou simplemente gozala, senón tamén doutras manifestacións tan antigas como a mesma regueifa, ou mesmo tan modernas coma o Hip-Hop e de cómo se poden relacionar.
Ademais será a ágora onde falar destas disciplinas e de lugar de contacto entre os regueifeiros e o seu público. Tentarase asemade que serva para estar ao cabo da actividade dos regueifeiros e da asociación para que todos e todas saiban onde e cando acudir a un enfrontamento entre regueifeiros ou a un obradoiro ou un xantar regueifeiro.
Tamén serve para abrir un espazo no que se poida regueifar en liña en tempo real, ver actuacións e escoitar regueifas dende calquera parte do mundo.
Por último, pero non menos importante ten o obxectivo de achegar e recopilar información e documentación para ir enchendo o oco que hai no tocante ao estudo formal e profundo que a regueifa e o resto de formas de improvisación oral merecen dentro do marco da nosa Cultura Popular e Tradicional.
Contacto
Asociación Oral de Galiza Centro Veciñal e Cultural de Valladares
Estrada Xeral de Valladares, 261
36315 Vigo – Pontevedra
Telf.: 986 467 053
Fax: 986 467 052
Correo-e:
oral@regueifa.org
cvallada@ctv.es
Comentarios
Comentarios fechados