jump to navigation

A situación de Isaac Díaz Pardo “Entrevista”

1 de Xullo 2006 - Enviado por gaitomano a: Crítica,Novas
Trackback

Isaac Díaz Pardo: “O que me pasa é por culpa duns gansters

Pretende impugnar á Xunta de Sargadelos e suspender os seus acordos por “falsidade documental”

“A culpa téñoa eu”, asegura Isaac Díaz Pardo desde a súa atalia do Instituto Galego da Información (IGI), en Compostela, poucas horas antes de que comece a xunta de accionistas desta empresa, onde el podía quedar desposuído do cargo de conselleiro delegado que ocupa desde a súa creación. E na antesala dunha situación que cualificaba de “terrible”, Díaz Pardo botaba enriba súa as responsabilidades, porque -fala a borbollóns- “eu fun quen foi facendo esa xente e dándolle as participacións”, “porque ninguén puxo un can polas accións”, “porque todo se lle deu gratuitamente”, “porque a empresa medrou con gran xenerosidade”, pero “as condicións humanas están feitas destas miserias”.

Des que a primeiros do pasado maio se produciu a xunta de accionistas de Cerámicas do Castro e Díaz Pardo se autoexcluíu “para que non me explusasen”, a vida deste home de 85 anos – “teño un ano menos do que eles din, que até nisto me queren facer aínda máis vello”- vive nun continuo sobresalto, acelerado a pasada semana cando os accionistas tamén o afastaron do consello de administración das Cerámicas de Sargadelos, algo que el -asegura- non esperaba.

Sobre Santiago Sineiro -avogado de Sargadelos e outrora home da súa total confianza- bota Díaz Pardo as responsabilidades desta “estratexia de gánsters”. A el atribúelle as responsabilidades de “falsificar” unha sociedade -o Grupo Técnico e Organizativo de Cerámicas de Sargadelos S.L.- para darlle entrada a un accionariado alleo ao grupo que, finalmente, sería -di- “o que me botou a min e aos meus fillos do consello de administración de Sargadelos”.

Amparándose nesa “falsificación”, Díaz Pardo pretende agora impugnar nos xulgados esa xunta e lograr que “cautelarmente” sexan suspendidas as decisións nela tomadas. E “pouco máis podo facer”, conclúe o empresario, que se define como “un home pragmático dentro dunha empresa idealista”. O resto pasa por “esperar”, porque “van caer polo seu propio peso”.

Nesa última apreciación inclúese o agoiro de que Cerámicas do Castro “non vai pasar de xaneiro”, porque a xuízo de Díaz Pardo o novo consello de administración está formado “por xente que nunca colleu un libro e incapaz de xestionar unha empresa”.

Gustaríalle desfacerse das accións que ten do Castro -é o socio maioritario- e, de feito, confesa que tratou de vendelas pero os interesados en adquirilas volvéronse atrás porque nos lles aceptou a súa condición: que se mantivese como unha figura referencial na empresa. “Eu”, apresúrase a puntualizar, “non estou disposto a seguir traballando con esa xente”. Tampouco aceptaría formar parte do consello de Sargadelos, malia que -suxire- esa foi unha cuestión que os novos accionistas maioritarios trataron de negociar.

Fronte a esta augación de feitos, Díaz Pardo recoñece que nunca sospeitou nada até hai “cinco ou seis meses, e cando o sospeitei, xa era tarde”. De novo carga tintas contra Sineiro e cavila: “El era o encargado de converter Sargadelos nunha fundación, que deía protexer o nome de Sargadelos. Durante cinco anos, eu pensei que me estaba axudando. Estaba equivocado. Xa debín desconfiar entón de que, e eses cinco anos, fose incapaz de conseguir o número da fundación: sempre nos devolvían os papeis. Un profesor mercantil foi o que avisou de que estabamos facendo mal as cousas e, daquela, rectificamos. E en canto nos deron o número e a fundación parecía xa alcanzable, vai el e arma toda esta falcutrada. Ao resto, engatusounos el, estou seguro. El e Segismundo García, que ten pouco máis do oito por cento das accións”.

Fonte: Galicia-hoxe

Comentarios

1. pato - 3 de Marzo, 2007

cantas mentiras e barbaridades dice ese señor