jump to navigation

Entrevista: Guadi e Guillermo

26 de Novembro 2006 - Enviado por gaitomano a: Entrevista,Novas
Trackback
Guadi Galego e Guillerme Fernández, músicos
“A música galega ten barreiras infranqueables no resto do Estado”
“Parécenos perfecto que a xente copie os nosos discos se despois veñen aos concertos


Espido está formado por dous dos compoñentes do grupo folc Berrogüetto, Guadi Galego e Guillerme Fernández. - 8.4 KB
Espido está formado por dous dos compoñentes do grupo folc Berrogüetto, Guadi Galego e Guillerme Fernández.

Só guitarra e voz. Nada exótico se nos esquecemos de que Espido está formado por dous dos compoñentes do grupo folc Berrogüetto, Guadi Galego e Guillerme Fernández. Con moitos proxectos baixo o brazo, actuarán dentro dos ’Circuítos 4×4’, que intenta estabilizar a contratación de concertos nos concellos galegos.

Pregunta.-¿E un bo momento para a música galega?

Guadi Galego.-Creo que si. Estase dinamizando e o Circuíto 4×4 probablemente sexa un reflexo de que non todo ten que ser folk ao uso, senón que hai moitas maneiras de entender a música galega, con moitas influencias que cada un interpreta ao seu xeito, e fai que sexa máis persoal e máis universal, por outro lado.

P.-O seu proxecto en conxunto demostra iso, ¿non?

Guillerme Fernández.-E canción de autor cen por cen e reflicte esa inquedanza por escapar un pouco dese clixé co que parecía que toda a música galega era folk. Espido dá un paso máis adiante do que é o desenvolvemento normal na música galega.

P.-E unha aposta arriscada…

GG.-Adicarse á música xa é sempre un risco de por si, e máis neste país, onde non hai un mercado discográfico forte e ata agora tampouco estabamos moi apoiados. Pero creo que cando cres no que fas, é un risco relativo. Para nós Espido era case un regalo que nos fixemos, non tiñamos ningún tipo de ambición grande. Foi unha sorpresa, non pensamos que á xente lle fora gustar tanto.

P.-Poucos se atreveron coa canción de autor en Galicia…

GG.-Uxía fixera canción de autora, pero sempre tivo ese cheiriño a música popular tradicional. O punto que ten esta canción galega é que as influencias da música tradicional están dentro das nosas composicións simplemente porque saen.

P.-En Galicia parece que tivo boa acollida… ¿pero fóra?

GF.-Con Espido ocorre o que coa música galega en xeral: ten difusión en Galicia e certa difusión no estranxeiro, pero no resto do Estado atópase con barreiras infranqueables. Facer música en galego si que é un risco se intentas exportala ao resto do Estado.

P.-¿Por que?

GF.-E un tanto paradóxico: fálase do respecto ás culturas, pero ó facer música en galego temos a garantía de que non se nos vai pinchar en ningunha emisora de radio que non sexa galega ou Radio 3. Por parte dos programadores e dos públicos no estranxeiro si que atopamos máis curiosidade. En xaneiro marchamos a Glasgow para dar un concerto, no festival Celtic Connections, e a ver que pasa alí.

GG.-O máis peculiar é que a nosa música non é minoritaria polo noso estilo, senón pola nosa lingua.

P.-Para traballar, ¿mellor dous ou sete?

GG.-E diferente. A mín paréceme máis difícil tocar en grupo, a Guille non (risos). Hai que consensuar con máis xente, saber medir ata onde podes chegar, ceder en moitas cousas para que todo soe ben…

GF.-Sen embargo, o directo é máis difícil. Hai moita máis responsabilidade. Se a cagas entérase todo o mundo (risos).

P.-¿Espido foi unha arroutada ou terá continuación?

GF.-Estamos facendo cousas novas e temos idea de sacar outro álbum, non sabemos aínda cando nin temos moi claro o formato, se imos modificar algo… pero seguro que haberá un Espido II.

P.-E ademais diso, ¿a que andan?

GF.-Guadi está cun produto recén cociñado, Nordestin@s, que estara nas tendas polo dez de decembro, e eu estou empezando con Xabier Díaz a traballar nun segundo disco. Entre Espido, Nordetin@s e Berrogüeto, que acaba de sacar disco, polo menos un ano ímolo ter ocupado.

GF:
GF: “Estamos facendo cousas novas e temos idea de sacar outro álbum, non sabemos aínda cando nin temos moi claro o formato, se imos modificar algo… pero seguro que haberá un Espido II”.

P.-¿Nordestin@s é tan arriscado como Espido?

GG.-Chégalle ben. O máis atractivo do proxecto é a contemporaneización de melodías tradicionais mariñeiras do norte, esa fusión con música de tradición máis americana, como é o jazz…

GF.-E facelo sen que chirríe, como algo natural.

GG.-Creo que se debe a que Abe Rábade coñece ben o material.

P.-¿Aféctavos a piratería?

GF.-A nosa música non forma parte dese circuíto de piratería, e tampouco compra tanta xente discos galegos. Se a xente pasa copias privadas aos seus colegas, por mín perfecto se despois veñen aos concertos. O que perdes por un lado recupéralo por outro.

Comentarios

1. Monica Mariño costales - 7 de Febreiro, 2007

Paréceme unha música especial. Especialmente sensible, ademáis de facer florecer sensacións da alma… da alma galega máis gardada. Esa morriña de saber que algén ou algo está contigo… Sentires da alma que non se poden expresar con palabras… tal vez cunha mirada.
Felicito os compoñentes de Espido.
E Gracias por facer ARTE.
Dende un lugar da Mancha… Unha galega que investiga no mundo da sanación