jump to navigation

Entrevista:Xosè Vàzquez, o ‘Che’, gandeiro que recuperou a arpa de boca e a trompa galega

13 de Xaneiro 2007 - Enviado por gaitomano a: Entrevista,Novas
Trackback

Da súa man nacen os instrumentos máis extraordinarios, os máis estraños, os máis sorprendentes. Frautas traveseiras, whistles, arpas de boca, gaitas… Toda a maxia da música tradicional se concentra neses dez dedos adestrados para construír polo afamado mestre gaiteiro Xusto Maroño. É Xosé Vázquez ou, como a el lle gusta que lle chamen, o ‘Che’, un veciño brionés da aldea de Goiáns cunha paixón moi enraizada polo antigo, polo tradicional, polo emblemático que ten a música neste mundo.

Fonte: Vieiros//Màis Alà

cheaprpadeboca.jpg

[09/01/2007] “A miña profesión é a labrega e a gandeira, pero a miña paixón é fabricar instrumentos musicais”, di. “Todo comezou cando quixen facerlles hai algo máis de 15 anos instrumentos aos meus dous fillos. Desde entón estou unido a este mundo, tratando de recuperar o esquecido e de dar a coñecer o descoñecido”, explica.

A trompa galega Un destes instrumentos esquecidos é precisamente a arpa de boca ou trompa galega, un instrumento que existe en todas as culturas; moi primitivo e completamente olvidado en Galicia. “O último construtor da trompa galega era da Fonsagrada, pero xa está retirado, así que quedo eu”, comenta. A trompa galega faise con ferro e unha lámina de aceiro forxado. A clave para facela soar está no movemento da boca, da lingua e da gorxa, moito máis que no asubío, no sopro. “Este é un instrumento idioglótico onde o fundamental non é soprar”, recorda.

A primeira arpa de boca do ‘Che’ veu de Venezuela. “Trouxéronme unha e pareceume sumamente curiosa. Ademais Ramón Marín, un amigo meu de Vilagarcía tamén tiña unha moi antiga. A miña ambición desde que a vin de cativo foi reproducila”, relata. “No 1600 xa existía en Galicia a voz da trompa galega polo que falamos dun instrumento de máis de catrocentos anos na nosa Comunidade. Non sei no resto do mundo de qué datas habería que falar sobre a arpa de boca”, segue. “Este instrumento tamén se pode facer de cana, como este que ves aquí, que me deu unha estudante xaponesa. Alá, no Xapón estase facendo precisamente un estudo sobre dúas arpas miñas feitas de metal”, continúa. “A singularidade das miñas trompas está na tonalidade, pois eu non só fago arpas en grave e en agudo senón en todas as tonalidades que existen”, conclúe.

O Che tocando a arpa de bocaAs arpas de boca do ‘Che’ son empregadas por moitos músicos galegos como a Asociación Galega de Gaiteiros no seu disco O Quiquiriquí; Xulio, de Luar na Lubre, e moitos outros grupos de folk e música tradicional. A trompa galega é un instrumento de carácter pastoril-infantil cun proceso longo de xestación, tanto así, que o ‘Che’ ten o seu propio espazo para a súa fabricación. “Pártese dun ferro redondo cun buraco central. Logo hai que estiralo e curvalo. Para iso emprego un aparato feito por min a modo de molde. Despois disto afínase e pónselle a lámina interior. Cando a arpa se solidifica na forxa púlese e por fin pónselle a palleta. A pesar do proceso tan complicado este non é un instrumento caro”, declara.

Outros instrumentos O galpón-taller do ‘Che’ está cheo de ferramentas do seu mestre Maroño, do seu avó e del mesmo, froito da súa propia invención. Cepillos, bancos, xunques e martelos mestúranse con instrumentos nun espazo común. “Para facer os instrumentos emprego madeira de buxo, de granadillo, de ébano, de cocobolo, de cerdeira do país e de pereira do país. A parte uso tamén prata, latón, aluminio, alpaca, ferro e aceiro”, conta. “O primeiro instrumento que fixen foi un salterio do Pórtico da Gloria, alá polo 1985. Agora fago gaitas; frautas traveseiras de madeira; clarinetes de madeira de unha a cinco chaves; whistles; tambores; bombos; tarrañolas, que son as primitivas castañolas flamencas; frautas de nariz; arpas de montaña que se fan soar polo movemento da boca e frotando as cordas cun paíño… Teño repartidos os meus instrumentos por todo o mundo, Francia, Holanda, Estados Unidos, Australia, etc.”, engade.

Maquinaria empregada por Xosé VázquezA construción dos instrumentos do ‘Che’ naceu da inspiración, da intuición e da formación. “Hai moito tempo coñecín en Ortoño-Maguxe Xusto Maroño, un home extraordinario que viviu a época da Guerra Civil. El tocaba a gaita e fixo gaitas con Basilio Carril. Un día cheguei onda el para mercarlle unha gaita e díxome que quería alguén para transmitirlle os seus coñecementos antes de morrer. E eu contestei: aquí estou eu. Durante dous anos fun todos os domingos a Maguxe e recibín sempre clases didácticas, nunca prácticas. Maroño non acendeu xamais o torno”, lembra. “Xunto a Maroño e a Sito Carracedo, outro mestre para min, e a miña propia manía de trebellar, de probar, de intuír, fun facendo todos estes instrumentos que ves”, continúa.

Desinformación musical O malo deste mundo para o ‘Che’ está na falta de información que temos en España sobre música. “Hai unha absoluta desinformación sobre instrumentos. Fíxate que a arpa de boca foi un descubrimento meu que fixen por Internet. En Alemaña, Francia ou Holanda non pasa isto, pois hai planos, libros e documentos de todos os instrumentos autóctonos que teñen”, protesta. “En España para acceder á información tes que saber inglés ou francés para acceder aos textos”, segue.

A vida de gandeiro A existencia do ‘Che’ pasa das vacas aos instrumentos e dos instrumentos ás vacas. “Teño unha pequena explotación de corenta e cinco vacas, que muxo todos os días. Nacín aquí en Goiáns, vivín aquí toda a vida e traballei aquí sempre. Esta é a vida que me gusta e é a que penso seguir tendo”, afirma. “Lamentabelmente a vida gandeira está morrendo e cada vez hai menos explotacións, as políticas de agora fan abandonar a gandaría e a parroquia de Cornanda perde esta tradición”, quéixase.

Outra das actividades do ‘Che’, á parte da gandaría e os instrumentos, é a restauración dos valores tradicionais. “Sí, teño unha asociación que se chama Moendo Vivo coa que trato de restaurar unha zona con seis muíños que hai á entrada da aldea. O que queremos é facer un contorno apto para celebrar nel as festas tradicionais como o San Xoán ou o Entroido”, confesa. “E iso é todo o que fago. A verdade, non sei por que me fan tantas entrevistas. Debo ser un tipo moi curioso ou polo menos debo parecelo”, ri.

Comentarios

Comentarios fechados