jump to navigation

Entrevista a Edelmiro Fdez

13 de Agosto 2007 - Enviado por gaitomano a: Entrevista,Novas
Trackback

Edelmiro Fernández
Gañador do XXII Trofeo MacCrimmon de Gaita

“O importante é dignificar o papel da gaita”

Begoña Lorenzo para www.folque.com

Co Festival Intercéltico de Lorient en marcha, o pasado catro de Agosto celebrouse o XXII Trofeo MacCrimmon, galardón máis prestixioso de gaita solista a nivel mundial. Nel están citados os mellores gaiteiros de Galiza, Asturias e a Bretaña, unha noite máxica e musical na que o son das gaitas é máis protagonista ca nunca. Un escenario propio dos máis grandes, un público mergullado na música e un xurado rendido ante a interpretación de Edelmiro Fernández; o mellor gaiteiro do mundo.

EDELFASHIONpubli.jpg

Gaiteiro tímido e humilde, cun sorriso cómplice permanente e a melena loura ben coidada, co seu último trunfo é quen de facer que a gaita se poña “de moda”. Porque Edelmiro resulta un gaiteiro moderno, deses que lle trocas a gaita por unha táboa de surf ao carón e non deixa de campar, só que coa gaita é todo un mestre e coa táboa… habería que esperar a que medrasen as ondas da súa Santa Uxía de Ribeira natal. Ocupado en varios proxectos durante a semana como dirixir a Banda de Gaitas de Outes, o mestre de Gaita do Conservatorio de Música Tradicional e Folque esgota todas as horas dos sábados nas aulas de Lalín, onde a súa morea de alumnos só lle deixa tempo para comer de bocadillo. Pero estes días vese na obriga de ser centro de atención para os medios e compañeiros. Non lle gusta moito falar, prefire facelo coas mans no punteiro, pero tratándose da casa todo resulta máis doado.
– Acabas de gañar o XXII Trofeo MacCrimmon, no conservatorio folque xa sentíamos que eras o máis grande, pero ¿gañar este concurso para un gaiteiro significa ser o mellor do mundo?


– Non… ou si. É o trofeo con máis prestixio a nivel internacional, pero en realidade son moitas as circunstancias que se xuntan nese momento. Tes que destacar nas tres seccións de música galega, asturiana e bretona, e sobre todo nesta última non sabía o que quería escoitar o xurado. Non sei se significa ser o mellor, eu síntome contento e satisfeito.
– ¿Saboréase de diferente maneira cando xa se gaña por quinta vez?
– Non, a situación sempre é distinta en cada ocasión. Vas a tocar ou a gañar coas mesmas gañas e a mesma ilusión.
– Competir ante os mellores solistas da Bretaña, Asturias e Galiza, implicará un maior respecto, ademais este trofeo alardéase de ser o galardón máis prestixioso de gaita a nivel mundial. ¿Para ti por que é diferente?
– Dende hai uns catro anos inclúese tamén no concurso a música Bretona, o que supón un grao de dificultade e a min me animou a participar. Alí estás competindo con gaiteiros con longas traxectorias, así que por suposto que hai que tocar con moito respecto.
– Levas tantos anos tocando a gaita como edicións ten este concurso, vintedous. A experiencia e o ter acadado o primeiro posto noutras ocasións, ¿xoga a favor ou en contra?
– Eu creo que xogou a favor, para min foi positivo, pero todo depende do momento. Todos tivemos pequenos despistes e se as cousas quixesen saír mal de pouco serviría a experiencia.
– Contigo competiron nomes tan destacados como o asturiano Rubén Alba ou Alberto Coya. No desenrolo das interpretacións ¿víaste recollendo o premio ou tiñas un favorito?
– Eu vía que tiña posibilidades, Rubén Alba, o asturiano, tamén estaba facendo un bo concurso, pero eu sempre me sentín seguro.
– ¿Que consideras que foi o que decantou ao xurado no teu favor?
– A suite tradicional bretona que escollín foi quizais o que convenceu ao xurado, supoño que lles gustou. No concurso súmanse todas as clasificacións, eu quedei primeiro en música galega e quinto na asturiana, empatado con Rubén. A decisión do xurado foi determinante na peza bretona e para min foi moi importante que me deran o primeiro posto.
– Dende fóra os que te viron afirman que estabas elegante, seguro e enorme. ¿Por dentro como ía a cousa?
– Bueno, eu estaba tranquilo e seguro. Xusto antes do concurso o normal é estar máis nervioso, pero os músicos reunímonos nunha comida e serviume para estar máis relaxado. Ademais, entre prato e prato o ambiente tranquilo prestábase para botar un sono…
– A prensa asturiana, logo de que o seu gaiteiro Rubén Alba acadase o segundo posto, publicaba estes días que levabas anos buscando ser o gaiteiro con máis trofeos MacCrimon, éxito que acadaches merecidamente. ¿Que motivos te decidiron a participar?
– Eu fun porque tiña gañas de conseguilo dende que incluíron a música bretona no concurso, iso foi o que máis me animou a participar. O número de premios non me importa para nada.
– No concurso había que interpretar pezas das tres nacións celtas, coas dificultades técnicas que isto conleva. ¿Require dunha preparación especial?
– É un traballo con bastante tensión, interpretamos pezas de cinco e seis minutos de duración o que fai que esteas no escenario ata vinte minutos tocando. Ao ser música galega, asturiana e bretona, hai que ser rápido e saber cambiar o chip. É un traballo espeso de melodía, técnica e interpretación.
– ¿Que destacarías do Festival de Lorient no que estás a participar? ¿Tes pensado repetir concurso o ano que ven?
– O Festival moi ben, moita música e moita festa. No concurso había moito público e ademais este ano tiven a sorte de ter alí á miña xente, á banda de gaitas e a catro alumnos do conservatorio que viñeron comigo tocar. O de presentarme en principio non teño pensado, pero nunca se sabe.
– Eres o exemplo a imitar para moitos xoves gaiteiros que loitan por chegar onde ti estás, especialmente para os teus alumnos de Lalín que se senten orgullosos do seu mestre. ¿Que lles dirías?
– Aos meus alumnos diríalles que traballen duro, que é o principal, porque o importante é dignificar o papel da gaita. Con ilusión, gañas e gustándolles o que fan, poder chegar a vivir experiencias coma esta e moitas máis.

Dende o CMTF de Lalín sabemos que este é un trunfo para Edelmiro Fernández, para Galiza e para a nosa música, pero tamén nos sentimos partícipes do seu éxito polo preto que o temos no conservatorio folque e porque esperamos que esto axude a que viren ollos e ouvidos cara aquí. Só nos queda darche a máis grande noraboa Edelmiro, e esperamos a túa volta para celebralo con moita festa, así que non deixes quedar a gaita que aquí aínda che queda moito por tocar.

Comentarios

1. susana - 14 de Agosto, 2007

muitas felicidades maestro que as mereces ben. Pena que en Galiza non se entere un de nada.

2. Aurélie - 18 de Agosto, 2007

Ya sabia yo que eras el mejor gaitero del mundo…
Nos vemos pronto.

Con todo mi cariño breton…

3. david - 9 de Xaneiro, 2008

hola alacran enhorabuena eres un crak me alegro mucho un saludo de o cabuernigo david