Novidades Ouvirmos 08
6 de Febreiro 2008 - Enviado por gaitomano a: aCF Fotos,Concursos,Lercheo,Novas,Novidades discográficasTrackback
Cántigas da Terra, novo disco de A Tiracolo
Portada Cántigas da TerraO coro galego folclórico por excelencia, Cántigas da Terra, leva en activo desde 1917. Neste case século de historia, iniciada interpretando o himno galego, reuniron un variadísimo repertorio e o arquivo coral mellor conservado.
Editamos agora, como nº 14 da nosa colección de gravacións históricas restauradas A Tiracolo, os seus primeiros rexistros realizados en 1921 e 1928. Neles recollen a primeira gravación do clásico Negra sombra; o Himno a Galicia, que contribuíron a afianzar; e O quer que lle quer, entre outros fitos.
Dispoñíbel no teu punto de venda habitual a partir do 11 de febreiro.
Visita guiada e concerto en Mondoñedo
Cuarteto Las Margaritas, 1913
O próximo sábado día 9 de febreiro presentamos o Itinerario Histórico-Musical de Mondoñedo por todo o alto.
Pola mañá, visita guiada seguindo o roteiro proposto na nosa publicación. Sairemos ás 12h. da praza da Catedral acompañados polo noso guía turístico e técnico en patrimonio, quen nos mostrará todos os recantos musicais da vila.
Pola noite, fin de festa co concerto a cargo de Resonet. Ás 21:30h., no Auditorio, deleitarannos con pezas de música antiga e barroca, como as que se escoitaban na capela de música da Catedral mindoniense.
Celebramos un século de himno galego
Ouvirmos participa nos actos conmemorativos do século da estrea do himno galego na Habana.
Colaboramos na realización da exposición da Consellería de Presidencia A nosa voz. Cen anos do himno galego.
Encargámonos das restauracións sonoras das gravacións históricas do himno que se poden escoitar na mesma e descargar para dispositivos móbiles:
Gramofono e discos de lousa na exposición· o Himno a Galicia gravado en 1918 por Cantigas e Aturuxos e non reeditado até hoxe, restaurado especialmente para a exposición;
· o Himno a Galicia rexistrado por Cántigas da Terra en 1928; e
· o Himno galego gravado por Toxos e Froles en 1922, primeiro rexistro do himno na súa versión íntegra.
A exposición podedes visitala até o 28 de febreiro na igrexa de Bonaval, en Compostela.
Tamén achegamos, desinteresadamente, estas restauracións sonoras para a edición do libro e disco Os símbolos de Galicia, publicado polo Consello da Cultura e a Real Academia Galega.
Comentarios
Xa merquei o disco, e teño que dicir que de toda a colección que sacou o selo Ouvirmos, este e un dos millores.
Saudos