jump to navigation

Pontevedra en música

13 de Maio 2008 - Enviado por gaitomano a: Axenda,Novas
Trackback

A Deputación de Pontevedra, sensible á urxencia da recuperación do noso patrimonio sonoro, creou en 2003, dentro do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico, un espazo para a recompilación, conservación e difusión das gravacións sonoras galegas éditas e inéditas en calquera soporte realizadas en Galicia e mais as realizadas fóra do noso territorio que estean relacionadas coa nosa cultura.

A través desta iniciativa a Deputación de Pontevedra pretende reunir toda a documentación sonora galega que sexa posible tendo en conta a música, a palabra, os sons naturais e outros que tamén nos rodean contribuíndo a que o noso contorno se conforme como unha paisaxe sonora única con identidade de seu. A documentación sonora reunida supera hoxe os 5.000 rexistros que están a disposición do cidadán para consultar, investigar e para outros usos que non teñan carácter comercial.

Co fin de fomentar e dinamizar este arquivo sonoro galego o Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra creou unha nova liña editorial dedicada á difusión do noso patrimonio sonoro, que ve a luz con esta primeira publicación referida á música da nosa provincia realizada coa colaboración da editorial Edicións do Cumio.

Este CD contén unha selección das diferentes agrupacións e estilos musicais que forman parte da realidade musical actual da nosa provincia presentada nos seguintes bloques: gaiteiros solistas, grupos de gaitas, bandas de gaitas, pandeireteiras, grupos de música tradicional, grupos de música folc, masas corais, bandas de música e canción galega. Entre os artistas e grupos seleccionados figuran Iván Costa, Álvaro Novegil, Oscar Ibáñez, Os Terribles, Os Alegres, Noitarega, Manxadoira, Xarabal, Xistra de Coruxo, Ardentía, Pai da Cana, O Fiadeiro, Revenidas, Trompos ós Pés, Crema de Gaita, Liorna, Coral Casablanca, Coral Virxe da Renda, Banda Orquestra
da Mancomunidade de Vigo, Banda Artística de Merza, María Montana e Miguel Martínez.

Esta publicación contribúe á potenciación dos nosos artistas e á difusión da súa música, en definitiva a nosa música.

O traballo que aquí presentamos non é máis que outra mostra do compromiso permanente que a Deputación de Pontevedra ten coa nosa cultura, neste caso coa música da nosa provincia, iniciativa que se suma ós múltiples traballos musicais que dende esta institución se veñen apoiando nos últimos anos.

CD Pontevedra en Musica.jpg

Comentarios

Comentarios fechados