jump to navigation

Marful no 2º concerto do Ciclo de Músicas Portuarias. Venres 27 Xuño en Ferrol

25 de Xuño 2008 - Enviado por Folque a: aCF Recomenda,Concertos,Novas
Trackback

O Ciclo de Músicas Portuarias reúne en Ferrol a grupos con linguaxes diferentes pero unidos polo denominador común dunha música con sabor a porto marítimo que lles dá o seu carácter. Unha ambigüidade de estilos a cabalo entre a música tradicional, a “de sempre”, e a cultura urbana e cosmopolita. Unha mistura natural de ritmos propios e e de ultramar, de sentimentos contradictorios por ser punto de partida e de chegada dos que emigran.

O 2º concerto do Ciclo trae a representación galega deste festival. Marful é unha das bandas que máis respecto está a gañar fóra do país e este concerto será unha oportunidade perfecta pra comprobalo no escenario incomparable do Teatro Jofre de Ferrol.

Marful


Marful propón unha cocteleira inspirada nos ritmos que soaban nas vilas galegas, entre os anos 30 e 50, nos salóns de baile e nos cafés cantantes. Unha época musical marcada polos ritmos de tradición americana que cohabitaban coa música popular e a canción melódica. Música elegante para unhas letras persoais e irónicas, letras en femenino feitas pola propia Ugia Pedreira e por escritores como Anxo Quintela, Ricardo Carvalho Calero, Olga Nogueira, Manolo Pipas ou o francés Jacques Prévert.

O interese pola expresión musical nesas décadas de cambio social e a confluencia entre a música rural e a urbá tinxen esta proposta de Marful facendo que sexa unha peculiar interpretación da música urbana con sabor a porto, a casa de indianos, a emigración, etc.
Twist, tangos, habaneras e pasadobles forman este particular universo, cunha posta en escena que busca a emoción no fío da ambigüidade e o resultado en calquera caso é unha elegancia irreverente.
Marful, con Ugia Pedreira á fronte e con Pedro Pascual (acordeón diatónico), Pablo Pascual (clarinete baixo) e Marcos Teira (guitarra), presentan o seu primeiro disco, cun proxecto que abre xanelas na actual música de Galiza. Con eles colaboran Luis Alberto Rodriguez e Xacobe Martinez, dous grandes do jazz no país.
Tres grandes músicos e unha voz conmovedora -coñecidos e recoñecidos pola súas carreiras artísticas individuais- xúntanse nun disco inspirado nos carnés de baile cunha inequívoca vocación contemporánea.

Formación en escea:

Máis información, fotos, descargas en:

Páxina web:
http://www.folque.com/musica-marful/wp/?page_id=3

Sitio MySpace:
http://www.myspace.com/marfulmusica

Comentarios

Comentarios fechados