jump to navigation

Equipo docente aCentral Folque Compostela

aCentral Folque ten a súa sede administrativa e docente en Santiago de Compostela onde dispón do magnífico edificio da Escola de Altos Estudos Musicais para impartir as súas aulas regulares e cursos monográficos. Esta arquitectura e o parque na que se ubica, favorecen un ambiente ideal para os estudantes e asistentes ás actividades que aquí se organizen.

Gaudi Galego -Canto-.
Inconfundíbel voz e instrumentista de Berrogüetto, banda coa que xirou por Europa e América. Actualmente en proxectos coma Nordestin@s ou Espido. Titulada en Maxisterio Musical, é unha das cantantes máis persoais da música galega e  profesora cunha longa experiencia pedagóxica.

Francisco Estévez ‘Chuco’ -Percusión tradional-.
Iniciado na percusión tradicional da man do mestre Henrique Otero. Acompañou ao gaiteiro Ricardo Portela na histórica gravación . Integrante de formacións coma Paseniño, Chouteira ou Tinta Femia. Desenvolve unha longa traxectoria como docente da que sairon destacados percusionistas da escena do folque tradicional.

Edelmiro Fernández -Gaita galega-.
Un dos gaiteiros solistas máis versátiles, internacionais e laureados de Galiza. Ten acadado os premios máis importantes en todos os certames de gaita (dende Ponteareas até Lorient). Solista da prestixiosa banda de gaitas Ancoradoiro. Titulado en Maxisterio Musical, destaca polo seu labor docente ao fronte de bandas de gaitas.

Óscar Fernández -Sanfona-.
Personalidade de grande peso no folque galego desde os anos 90, foi membro de Saraibas e Os Cempés. Actualmente desenvolve o seu labor como compositor, arranxista e intérprete con bOnOvO, e en distintos proxectos audiovisuais. É a referencia galega no emprego da sanfona electroacústica.

Quim Farinha -Violino-.
Desde finais dos 80 formou parte de proxectos fundamentais do folque galego coma Dhais, Xorima ou Fia na Roca. Actualmente é o violinista de Berrogüetto. Colaborador frecuente de artistas doutros xéneros, aporta un persoal xeito de interpretación baseado en formas patrimoniais galegas.

Pedro Pascual -Acordeón diatónico-.
Intérprete, docente, compositor e produtor, coñece varios instrumentos. Está ligado a proxectos como Laio, Nuke Trío, Talabarte Trío, Marful, Descarga ao Vivo… Tocou con solistas das músicas tradicionais como Leilía, Uxía Senlle,  Budiño ou María Salgado  e músicos como: Jacky Molard, Soïg Sibèril, Donal Shaw, Tony McManus, Mercedes Peón,  Kathryn Tickell, Javier Bergia, Tanya Tagaq, David Herrington,…Actuou nos espazos máis importantes da Península, tamén en Francia, Bélxica, Holanda, Alemania, Canadá ou Cuba.

Roberto Sala -Frautas e requinta-.
Polifacético artista especializado en instrumentos de vento: gaita, cromorno, chirimía, frautas de bico e traveseiras. Membro fundador dos grupos de música antiga Martín Códax e Acibreira. Imparte aulas de gaita e requinta dende o 1995. Será o director do conxunto instrumental de alumnos de 1º Ciclo.

Benxamín Otero -Linguaxe musical-.
Títulado superior en Oboe. Especializouse en Análise de música tradicional e traballo de recollida con Dorothé Schubarth.
Profesor de Linguaxe musical no Conservatorio Oficial de Lalín. Solista da Orquesta Sinfónica de Lalín. Membro do grupo Grodan de Fló e Linho do Cuco, premiado no festival internacional de Lorient.

Ramón Pinheiro -Historia da música popular galega-.
Investigador especializado en documentación musical. Licenciado en Historia e posgraduado en Xestión de empresas musicais. Discípulo do gaiteiro Moxenas, participou en bandas coma Chouteira e Ecléctica Ensemble. Socio-fundador das empresas Ouvirmos e Lonxa Cultural. É o director artístico do CGMP.

profesorado_folque

Comentarios»

Ainda nengún comentario, queres ser o primeiro?