AFI
A Aula Folque Infantil (AFI) de Pontevedra é a sección infantil do Centro Galego de Música Popular, aCentral Folque.
A AFI é un espazo musical alternativo para nenas e nenos e un lugar de ensino complementario aos conservatorios e escolas de música. É unha aula experimental coa música e baile tradicionais galegos como eixo fundamental entendida dentro do contexto global das músicas do mundo.
A AFI está centrada nun modelo pedagóxico de potenciación das capacidades propias do alumnado cun carácter multidisciplinar materializado no laboratorio de producións onde realiza actividades musicais, de danza e expresión corporal, pintura, escenografía e gravación multimedia.
A AFI nace no curso 2002/2003 en Pontevedra ofertando un ensino creativo, diversificado, aberto, experimentador e revolucionario sen parangón no ámbito da educación musical galega.
Na AFI ofértase dun xeito integrador tres aspectos fundamentais da música popular: o ritmo, o movemento e a voz -desenvolvidas nas clases de percusión, baile e canto- de frecuencia semanal. Tamén un espazo de creación: o laboratorio de producións cun estudo de gravación onde eles mesmos autoxestionan as súas capacidades compositivas.
O son como ferramenta de traballo
A Aula Folque Infantil propón aos nenos unha relación coa contorna contemplando o feito sonoro como unha ferramenta comunicativa e de autocoñecemento, sen cinguirse ao uso exclusivo dos medios escritos e visuais imperantes no ensino actual.
As materias de ensino son abertas e flexibéis. Hai contidos básicos de expresión corporal, canto e técnica instrumental, mais non restrinxidos, e sempre en contacto con outros módulos coma artesanía musical, gravación en estudio, videocreación, informática musical, práctica escénica,…
Modelo educativo non xerárquico
A AFI propón un ensino sen transmisión directa baseado nun profesor que conduza ao alumnado ao descubrimento por si mesmo dos coñecementos da materia a impartir. O mestre fornece os mecanismos de exploración interna infantil dun xeito lúdico e non traumático.
Fundamentos do ensino
- -1. O ritmo
O estudo do ritmo é o elemento máis básico na pedagoxía musical así coma o máis universal e que máis directamente relaciona estilos de diferentes partes do mundo.
Na AFI, o estudo rítmico faise a través da percusión galega, en base ás técnicas e ritmos tradicionais galegos como punto de partida. Percusións do mundo e construción de instrumentos son aulas que apoian este aspecto.
- -2. O movemento
O movemento e control corporal canalízase por medio do baile galego o que axuda aos nenos e nenas a practicar a coordinación, o exercicio físico, o xogo, a sincronización colectiva, a relaxación muscular,…
- -3. A voz
O instrumento primordial da música, a voz, forma parte básica da docencia como ferramenta para que as nenas e nenos exploren as características propias das cordas vocais e do corpo como caixa de resonancia con técnicas básicas, o que resulta un xeito ideal e sinxelo para o inicio no canto. Ademais as aulas realízanse sobre textos de cantigas e coplas populares de tradición oral e composicións propias do alumnado.
- -4. O Laboratorio de Sons
O Laboratorio de Sons é un espazo aberto centrado na composición colectiva dos rapaces e no deseño conxunto entre profesores e alumnado dun espectáculo anual. Aquí póñense en práctica o aprendido nas aulas.
O resultado actual, tras varios cursos de probas e actuacións, é a creación e consolidación da nova Compañía Infantil AFI.
A AFI representa o espectáculo infantil no fin de curso que monta na cidade de Pontevedra desde hai 4 anos como un dos eventos máis frescos, contemporáneos e sorprendentes do ano. Ademais edítase un CD distribuído o dia do espectáculo que amosa as composicións e tendencias de cada ano.
O Laboratorio de Sons conecta o alumnado co proceso de concepción e desenvolvemento dun produto escenográfico. Os profesores canalizan as súas ideas e esforzos para que sexan os autores reais de cada proxecto.
espectáculo de fin de curso da compañía infantil AFI
ORGANIZACIÓN CURSO
Idade alumnado:
- 5 a 13 anos
Grupos
- Grupo 1- de 5 a 6 anos
- Grupo 2- de 7 a 8 anos
- Grupo 3- de 9 a 13 anos
Lugar
- Aulas do antigo Conservatorio de Música de Pontevedra
Calendario curso
- 24 de outubro – 30 Maio
Horario
- Aulas venres á tarde
- Laboratorio sábado á mañá
Prezo Matrícula
- 80 euros