Actividades e obxetivos da AFI
Ademais das aulas semanais e do laboratorio de sons, a AFI ofrece outras actividades paralelas que se celebran con caracter extraordianario unha vez ao mes.
Estes son:
Monográficos AFI
Os monográficos mensuais son obradoiros que complementan as aulas regulares con contidos específicos sobre diferentes actividades artísticas. Hai unha especial atención á música popular galega en pequenos talleres sobre diferentes instrumentos tradicionais: violino, clarinete, gaita, acordeón, sanfona, etc.
Ademais doutros temas máis relacionados co mundo do son, a imaxe e a escena coma os obradoiros de paisaxes e reciclaxe sonoras, expresión dramática, videocreación,…
Estes cursos son impartidos desinteresadamente e de balde por artistas galegos de recoñecido prestixio e por profesores do Centro Galego de Música Popular.
OBRADOIROS
- Sanfona Óscar Fernández
- Clarinete Fernando Abreu
- Acordeón Pedro Pascual
- Paisaxes sonoras Escoitar.org
- Creación dun personaxe Pepa Yáñez
- Videocreación con móviles Nela Quesada
- Introdución ao software libre Colectivo Olho Livre
- Invención de instrumentos Xurxo Troncoso
- Aula de musicoterapia Nela Quesada
Estudio de gravación audiovisual
O estudio de gravación e edición audiovisual realiza tanto a función de establecer contacto directo coas tecnoloxías de recollida de sons e edición (analóxicas e dixitais) como a de ser un eficaz instrumento de difusión das creacións dos rapaces.
É unha motivación para o alumnado editar un CD e logo de catro publicados, esta é unha das actividades centrais nas organizadas pola AFI.
Arquivo audiovisual e biblioteca
O arquivo, desenvolto tanto co material dispoñíbel e en constante aumento do Centro Galego de Música Popular coma das recollidas dos profesores da AFI pon a disposición pública os seus fondos. Todas as gravacións audiovisuais da Compañía Infantil así coma as actividades de aula son obxecto de análise continua e material para os cursos vindeiros.
OBXETIVOS da AFI
- Ofertar dun xeito integrado o ensino da música tradicional galega nas súas catro vertentes principais: canto, percusión, baile e melodía instrumental.
- Pór a disposición do alumnado aulas e espazos creativos coma o laboratorio e o estudio de gravación onde poidan desenvolver e autoxestionar as súas capacidades compositivas e creativas.
- Ampliar a escasa oferta de centros de produción artística infantil existentes no ámbito galego.
- Facer que a AFI sexa un espazo accesíbel aos nenos máis desfavorecidos economicamente. Este ano ábrense 6 prazas para familias sen recursos.
- Achegar a tecnoloxía dixital e o software libre ao público infantil partindo das gravacións e manipulacións das súas propias músicas e imaxes no estudio audiovisual da AFI.
- Proseguir co proceso de desenvolvemento e consolidación de existencia da Compañía Infantil AFI.
- Manter o contacto permanente con outros espazos de ensino musical e artístico, a través de aCentral Folque e asociacións culturais coma Alg-a.org, Olho Livre ou Paspallás.