jump to navigation

Remata o Ciclo de Músicas Portuarias con Mísia este venres 11 de Xullo no Jofre

8 de Xullo 2008 - Enviado por Folque a: aCF Actividades,Concertos,Novas
Trackback

O Ciclo de Músicas Portuarias é unha homenaxe a unha cultura mariñeira que tivo nos portos a referencia en terra do que sae e vén do mar. Un mundo de ida e volta, de viaxes, de emigración. Unha representación en clave musical da mestizaxe cultural entre os pobos.
Clausurará este festival unha das artistas máis recoñecidas do fado en Portugal e unha das máis afamadas fóra das súas fronteiras. Mísia pon o broche a un festival que achega a Ferrol ás correntes actuais das músicas populares e urbanas dos portos do mundo. A artista máis sobranciera do Ciclo e moi pouco prolífica en aparicións públicas en Galicia. Será unha das poucas oportunidades de vela entre nós no seu único concerto do ano no país.

Con este concerto remata o Ciclo que encheu Ferrol de actividades musicais sobranceiras cun adicación especial dende a Asociación do Conservatorio de Música Tradicional e Folque en colaboración coa Concellería de Cultura do Concello de Ferrol. Aínda quedan entradas á venda no despacho de billetes do teatro Jofre.
Misia

Mísia naceu en Porto no 1955, filla dun enxeñeiro portugués e unha bailarina catalana. É a terceira xeración de artistas por liña materna; cantante dinámica, políglota e cosmopolita non é só fadista, senón tamén cantora universal que interpreta dun xeito persoal boleros, tangos, estándares de jazz,…
Personalidade brillante e renovadora dun fado que está a reinventarse dende os anos 90.
Mísia viviu en cidades con vocación portuaria: Porto, Barcelona e Lisboa que refliten un repertorio ecléctico de estilo universal e con personalidade fadista.
É unha das figuras máis internacionais da escena lusa actual, especialmente apreciada en Francia e España.
No 1990 aséntase definitivamente en Lisboa decidida a valorar o xénero de música urbana do fado, caído en desgraza cultural e comercial logo da Revolución dos Cravos (1974).
Entre os premios máis recentes, destacan A Orde do Mérito en Portugal no 2005; Gran Medalla Vermeil de París ou Cabaleiro da Orde das Artes e das Letras en Francia no 2006.
Dende o seu 1º traballo, “Mísia”, no 1991 figura entre as máis grandes do fado; gravou 8 discos en solitario e colaborado con artistas coma Mª Bethânia ou A.Calcanhoto, Maria João Pires e Ute Lemper.
Dos seus últimos álbums destacan “Ritual” nunha intensa achega ao estilo tradicional; “Canto” con composicións de Carlos Paredes e “Drama Box” do 2005, onde se achega ao tango e ao bolero.
En febreiro de 2007 estreou en París, “Lisboarium”, un concerto acústico onde a cantante interpreta sobre a música do fado tradicional os textos de grandes poetas especialmente escritos para a súa voz. Un espectáculo aclamado por crítica e público que presentará en Ferrol.
Actualmente ten en preparación “Lisboarium & guests” que sairá ao mercado proximamente.

Músicos en escea:

Mísia: voz
Luis Cunha: violín
Bernardo Couto: guitarra portuguesa
Daniel Pinto: guitarra

Máis información, fotos, descargas en:

Páxina web:
http://www.pt.misia-online.com/

Sitio MySpace:
http://www.myspace.com/misiaonline

Comentarios

Comentarios fechados