jump to navigation

2º concerto matutino no CSC do Castiñeiriño o domingo 2 novembro

30 de Outubro 2008 - Enviado por Folque a: Novas
Trackback

Este domingo ás 12.30 h celébrase o 2º concerto matutino a cargo do dúo Ugia Pedreira e Óscar Fernández dentro da serie de actividades que o Centro Galego de Música Popular organiza en locais socio-culturais de Santiago onde mestres de aCentral Folque Compostela actúan en formacións miúdas.

Para a segunda entrega serán Ugia Pedreira (directora de aCentral e cantante de recoñecido prestixio) e Óscar Fernández (mestre e músico de referencia do folque galego). Comparten escea nun dúo de voz e sanfona que interpretarán un repertorio de composicións de Ugia e os temas que ela aprendeu de súa nai na casa familiar en Foz.

Dous músicos que xa colaboraron no disco Circo Montecuruto de Cempés e que desde entón buscaban formulas para facer música xuntos. Este é o terceiro concerto que realizan. O primeiro tivo lugar na Igrexa de Melide e o segundo no Teatro Paco Rabal de Vallecas.

oscar_ugia

Ugia Pedreira –

Ugia Pedreira é directora de aCentral Folque e colaboradora da Radio Galega cos programas “Tres peixes voando”. Ela é unha das voces mais transgresoras e eclécticas do panorama musical galego. Comezou sendo coñecida na música galega polos tres discos editados co seu anterior grupo de folque Chouteira e polas súas constantes colaboracións e heteroxéneas creacións: o Musical Dillei co actor Carlos Blanco, o espectáculo de Antón Reixa “Galicia Babie”, a sua versión de “Gracias a la vida” de Violeta Parra para o grupo de ska italiano Banda Basotti, o espectáculo femenino galego “Son delas” con Mercedes Peón, Uxía, Rosa Cedrón… Desde os 90 ten presencia na música rock galega da man de tres grandes bandas: Xenreira, Nen@s da Revolta, a Matraca Perversa e Galhegoz.

A sua voz soa tamén no segundo disco de Susana Seivane ou no de Cempés…

No 2006 graba o disco co trío Nordestin@s, sobre cancións mariñeiras do Norte da Galiza con Guadi Galego (ex Berrogueto) e o famoso pianista de jazz Abe Rábade. Este disco foi dos mais vendidos na Peninsula no Natal do 2006 e recebeu o 1º premio da crítica folk no Diario La Opinión.

Con Marful e o seu disco abriu a caixa de Pandora e o revival da música popular de autor.  Marful ten participado en distintos festivais internacionais con excelentes críticas e foi tamén 1º premio da audiencia da Radio Galega no 2007.

Óscar Fernández –

Comeza na música da man do histórico grupo Saraibas no ano 1978 co que participa na gravación do disco “Careca”. Decídese polo acordeón como instrumento complementario da gaita no dúo Carlos Zaera / Óscar Fernández recibindo o 1º premio de Maitres Soneurs no apartado de dúos no Festival de Saint Chartier (Francia) do ano 1982.

No ano  1984 comeza a dirixir un proxecto de música tradicional do que nacerían Os Cempés, banda seminal do folc galego dende os anos 90, atendendo a composición, arranxos e tocando o acordeón e a zanfona.
Colabora con outros artistas e nos seus traballos discográficos coma “Danza das Areas” de Uxia,  “Buscavidas” de O Jarbanzo Negro,  “Folla de Lata” con Chouteira, “Estremonías” de Quempallou, con Linho do Cuco e o disco homónimo,  “Ayres” de Maribí Cabo, “5 elementos” e “Carta Branca” de Xochilmica ou con Eclética Ensemble.

Actualmente forma parte do trío bOnOvO, con Pulpiño Viascón e Roberto Grandal; do grupo  Doa; do Dúo Fernández/Quintá; do “Proxecto Zocas” da compañía de danza contemporánea Á Mercé das Cirkunstanzias, na que se ocupa da composición e interpretación da música en directo.

Comentarios

Comentarios fechados