jump to navigation

NanoNasa, campamento de verán para cativ@s

9 de Xuño 2009 - Enviado por Folque a: Formação,Novas
Trackback

A Sala Nasa está a organizar unha actividade  moi interesante para os máis pequenos nun achegamento divertido ao teatro, a música, o cine, o movemento e a natureza urbana.

Será do 29 de xuño ao 10 de xullo. De luns a venres de 10 h a 14 h

Contidos

Música: obradoiro de construción de instrumentos musicais inventados, elaboración de contos musicais

Teatro: a través de xogos participativos traballarase co corpo e o movemento, coa voz, co espazo e os obxectos en escena e coa creación de personaxes (xestualidade, caracterización),

Cine: proxeccións comentadas de filmes de Charles Chaplin e Carroll Ballard (The Black Stallion).

Artistas convidados: Como remate de cada xornada, contaremos coa visita dun artista convidado, que compartirá cos nenos e nenas a súa experiencia. Actores, actrices, magos, músicos, mimos, malabaristas, maquilladoras, bailarinas vencelladas á actividade habitual da sala NASA como Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo, o mago Romarís, Paula Carballeira, Xacobe Martínez Antelo, Pablo Trasno, Fredi Circanelo, Fanny Bello.

Natureza: aproveitando a proximidade do Campus Universitario farase unha visita-paseo polo parque para coñecer in situ as súas árbores vencelladas a lendas e tradicións.

Público: nenos e nenas entre 6 e 11 anos, organizados en dous grupos: 6 a 8 anos e 9 a 11 anos.

Horario: a recepción dos cativos farase entre 9,45 h e 10 h momento no que darán comezo as actividades. A recollida farase entre 14 h e 14,15 h

O campamento inclúe un almorzo a media mañá.

Nº de prazas: 30

Prezo: 100 € / 80 € (Tripulación) inclúe materiais e almorzos

En caso de irmáns, a cota será de 80 € cada un
Ingresar na conta: 2100-5753-01-0200012467

Inscricións:

ata o 25 de xuño, por orde de recepción. Pódense facer directamente na oficina da Sala NASA, de luns a venres entre 11,00h. e 14,00h. ou enviando a ficha de inscrición a: Sala NASA, Rúa San Lourenzo 51-53 15705 Santiago D.C. ou no mail nanonasa@salanasa.com, indicando o nome completo do/a rapaz/a, a idade, un enderezo e un teléfono de contacto.
Para confirmar as inscricións será necesario adxuntar o resgardo de pagamento.

Monitores:

Tomás Rábanos Muro, pedagogo en educación musical. Cursou estudos en diversas metodoloxías da pedagoxía musical, así como cursos de psicomotricidade, psicoloxía infantil e de dirección coral. Vén traballando nesta especialidade dende o ano 1986, impartindo clases, cursos e obradoiros e dirixindo campamentos de verán para nenos. Tamén ten impartido cursos para a formación do profesorado.

Miguel Curra é músico e cantante cunha traxectoria escénica de máis de 15 anos. Liderou bandas como Os Piores e Tombstones, foi músico de sesión para numerosos artistas, membro de coros como A Rá e Escola Estudio, dirixidos por Ramón Bermejo e traballou en producións escénicas como actor e técnico de son. Realizou estudios de imaxe e son, dobraxe e pedagoxía musical, especializándose na realización de obradoiros que mesturan música e teatro.

Comentarios

Comentarios fechados