jump to navigation

Diaz Pardo….”ao administrador non vas telo de rositas aí para que che faga outro burato na barriga”

1 de Agosto 2006 - Enviado por gaitomano a: Entrevista,Novas
Trackback

O empresario segue a recibir adhesións e desde antonte preside o Pedrón de Ouro.

isaac2.jpeg

Dará guerra ata morrer, algo polo que, segundo di el, están pregando os seus adversarios, os mesmos que o botaron do consello de administración de Sargadelos, empresa que se construíu a partir do Laboratorio de Formas a carón de Luís Seoane e Andrés Fernández-Albalat. Pero chóvenlle os apoios. O xoves foi o Consello da Cultura Galega e e antonte recibíu a presidencia de honra do Pedrón de Ouro. A iso súmaselle a insignia de Ouro do Museo do Pobo Galego, o premio Otero Pedrayo, o Araguaney de Ouro ou o galardón Os Bos e Xenerosos que entrega a Asociación de Escritores en Lingua Galega, ademais dos apoios da Sociedad Española de Mineralogía, o Colexio de Arquitectos de Galicia, dos ensinantes galegos ou dos que asinan na campaña de Internet.

-Como se sente diante de tantos avatares?

-Vivo. Eu mantéñome sempre igual porque sempre hai que estar defendéndose dos que se queren quedar co que fas.

-Todo polos cartos, como dixo vostede? Están en perigo as iniciativas culturais que dependen de Sargadelos?

-Cando eles se fan donos da administración, que non da empresa, a través desa trampa, desa traizón espantosa, o que pretendían era botar a cousa cultural abaixo, pero como está habendo moitas reaccións que a están defendendo, non lle poden tocar a iso. Esa é a ventaxa, porque eu nunca pedín nada pero hai que agradecer tódalas adhesións porque iso evitou que desmantelasen a vertente cultural.

-Cal será o futuro de Sargadelos?

-Non o sei. Xa veremos. De todos modos, se non se arranxara este asunto, todo iso se virá abaixo.

-Pero no Instituto Galego da Información deixárono polo de agora…

-Era máis difícil porque hai máis xente que meteu aquí cartos e que non vai deixar que eles se queden con isto. Porque o IGI ten mais ben un caráter político e social. Está para atender as galerías, para as edicións, para o Seminario de Estudios Galegos… Eles quitarían isto, o outro e o de máis alá e non quedaría nada, porque esta empresa, se vai ben, é polo carácter intelectual que ten e, se llo quitas, isto non queda en nada.

-E a Xunta que? Ten que tomar cartas no asunto?

-Eu non pedín nada a ninguén. Non me meto nesas cousas… Cada un… As cousas que se fixeron ata agora foron voluntarias. O único político, e é curioso isto, que está indignado con isto é Fraga. Púxome unha carta dende Madrid dicindo ´isto é indignante´. É o único que tal. Vendo as adhesións que hai, todas son máis ben tirando á esquerda, pero da dereita non ves ningunha máis cá de Fraga. É curioso. Non hai que pensar nas autoridades. As autoridades están a outra cousa. Non quero opinar sobre iso. O que si creo é que todos teñen unha obriga con espírito de Seoane.

-Ademais de Seoane, tamén vostede lle adicou a Sargadelos a súa vida…

-Eu non pedín nunca nada a ninguén, pero creo que o de Seoane si que é moi importante. Claro que a Fundación Luís Seoane, incluído o concello de A Coruña, non vai quedar calada porque se non o perde todo.
-Tamén dicía hai pouco que Sargadelos sen o deseño, non é nada. E semellaba unha ameaza.
-Se é que isto non se resolvera, indudablemente os dereitos intelectuais dos deseños son de quen son e tanto Luís Seone coma min temos os dereitos intelectuais sobre a produción das fábricas. Ou retiran todos os deseños que hai aí ou do contrario terían que pagar un canon por eles. Por iso se a cousa queda en mans desa xente, iso afonde.

-Os membros do consello que o relevaron da presidencia alegaban que había que modernizar a empresa, o seu concepto.

-Iso é un conto completamente. Modernizar o deseño… Pobres xentes estas… Que saben eles! Se o feito de que se teñan metido nesta operación demostra a súa ignorancia.

-É vostede optimista?

-Eu creo que si. Non haberá máis remedio que deixar que as cousas vaian para adiante. Hai que darlles tempo e ver como se desenvolven.

-Mesmo coa guerra…

-Pode haber guerra porque se isto se resolve será un problema ver como quedan algúns na sociedade. Porque ao administrador non vas telo de rositas aí para que che faga outro burato na barriga, pero aos pobres desgraciados aos que convenceu… Vai ti saber que fas con eles…

Comentarios

1. cervo - 1 de Agosto, 2006

o señor diaz pardo porque non se retira? e queda como xefepresidentedirector h0n0rifico. Terá que entender que haberá que deixarlle paso ós novos e seguir un ritmo xoven dentro dunha empresa. Parece mentira! Porque todos estos foros non proxectan o que di a xente da Fábrica e de Cervo en xeral desde hai tantos anos.

2. mendinho - 23 de Agosto, 2006

Dáme a impresión de que a xente da Fábrica ten unha visión máis mercantil e miran só pola suba do salario, pero a Fábrica é máis que unha Fábrica, é unha iniciativa cultural, aínda que a algúns o termo Cultura élles estridente nos ouvidos.