jump to navigation

Descarga ao vivo Cuba-Galiza

9 de Febreiro 2008 - Enviado por gaitomano a: aCF Actividades,Escea,Novas
Trackback

O venres 22 de Febreiro de 2008 ás 20:30 no Teatro Mella na Habana

Aínda que a música cubana se conforma fundamentalmente a partir de influencias europeas e africanas, as especificamente atribuíbeis aos galegos son reducidas a antes do s. XIX, debido á escasa presenza destes entre os continxentes de colonizadores. Na segunda metade deste século e na primeira do seguinte, a inmigración galega adquirirá considerábeis proporcións, chegando a ser a que conte con maior presenza en Cuba. Como froito de tal aporte potenciarán a economía e misturarán os xenes con tributos culturais rastreábeis na lingua, a música, a gastronomía, a arquitectura e o urbanismo. Será neste período cando se definan os principais trazos dunha historia común compartida por galegos e cubanos, na que a música destacará como o factor de fusión e transculturización máis determinante.

Hoxe unha xeneración de novos, mais experimentados músicos e bailarins cubanos e galegos, volven a ollada sobre as composicións do tempo dos seus avós. Partindo orzamentos cunha gran liberdade creativa e interpretativa dentro dun amplo abano de estéticas sonoras e coreográficas contemporáneas camiñan dende o Jazz Latino ata o Folk europeo dando forma a DESCARGA AO VIVO.

Pescudar no patrimonio musical compartido, permitiunos facer unha selección de obras que en moitos casos foran esquecidas e das cales dificilmente se atopan copias das partituras, sendo raras ou inexistentes as versións fonográficas. No caso de Del Ferrol a La Habana, que narra musicalmente o percorrido feito polo seu autor, o guitarrista ferrolán Juan Parga establecido a finais do s. XIX na Habana, contribuiu ao inicio da experimentación coas tradicións musicais. O mestre cubano Guillermo M. Tomás que foi o encargado de dirixir á Banda Municipal da Habana o sete de decembro de 1907 na estrea mundial do Himno Galego, compuxo nese mesmo ano, o pupurrí de Aires nacionales Cuba-Galicia, no que demostrou un coñecemento profundo da música popular galega coa que soubo conxugar melodías cubanas, dando continuidade á creación dun espazo de encontro para a música cubana e galega no que hoxe nós volvemos a atopar.

As festas dos galegos en Cuba celebradas antano nos xardíns da Tropical ou da Polar comezaban case relixiosamente co son da gaita interpretando a Alborada do mestre Pascual Veiga, tema que se converteu en pouco tempo nun dos símbolos espirituais da comunidade galega de emigrantes en toda América Latina. Festas nas que a gaita en mans de grupos como o Quinteto Monterrey fixo un oco na tradición instrumental cubana interpretando xotas, muiñeiras e pasodobres, e mesmo habaneiras ou danzóns. É que como dicía o escritor M. García Barros “o danzón para un galego de corazón é un acto transcendental”. O xénero creado por Miguel Failde, fillo de galego e mulata, foi o gran protagonista das romarías e a súa asimilación por parte dos membros da comunidade de emigrantes chegou a simbolizar o seu grao de integración, adhesión e compromiso co seu pobo de acollida.

Ademais das músicas que soaban nas festas impulsadas pola comunidade galega temos particular interese en dirixir a mirada e o ouvido á obra de destacados compositores galegos que viviron e compuxeron en Cuba sumando a súa bagaxe na música galega a cubana como os emigrados José Castro Chané, José F. Vide e Ricardo Fortes Alvarellos, ou o exiliado Antonio Rodríguez Álvarez. A súa obra inseparablemente galega e cubana non tivo ata agora a suficiente atención por parte dos investigadores permanecendo descoñecida por músicos e público. Tamén nós detemos ante un dos grandes mitos para a emigración galega en toda Latinoamérica, o prodixioso violinista Manuel Quiroga. Nas súas xiras polo continente recolleu ritmos e formas musicais populares que utilizou nalgunhas das súas obras máis emblemáticas como a 2ª Guajira.

Completan a nosa aproximación neste repertorio común ritmos de orixe cubana como a habaneira ou a rumba que na súa difusión e peregrinar por medio mundo chegaron e quedaron na tradición musical galega.

Un vello encontro pendente entre dúas tradicións musicais ao que acudimos seducidos. Un palco común entre músicas, músicos e público ao que agora nós sumamos nesta DESCARGA AO VIVO.

Ramón Pinheiro Almuinha.

(profesor de Historia da Música Galega no Conservatorio de Música Tradicional e Folque,exdirector e fundador da empresa Ouvirmos)

Dirección artística

Ramón Pinheiro Almuinha

Dirección musical e arranxos

Pedro Pascual, Marcos Teira e Alejandro Vargas.

Coreografía

Abdiel Vargas e Xabier Díaz.

Interpretes musicais

Alejandro Vargas. Piano e teclados

Raciel Jiménez. Batería

Ernesto Vega. Saxo e Clarinete

Diana Fuentes. Voz e violín

Edgar Martines
Ochoa.
Percusións

José Manuel Díaz. Contrabaixo e baixo eléctrico

Pedro Pascual. Acordeón diatónico e Bouzouki

Marcos Teira. Guitarra flamenca

Edelmiro Fernández. Gaita

Óscar Fernández. Zanfona

Quim Farinha. Violín

Xabier Díaz. Voz e percusión

Intérpretes de danza

Swanny Quiveiro González

Ana Rosa Meneses Arocha

Danny Villalonga Carmenate

Abdiel Vargas Rodríguez

Xabier Díaz

Artistas invitadas

Ugia Pedreira

Guadi Galego

Pablo Pascual

Equipo técnico

Endirecto

DESCARGA AO VIVO é unha produción exclusiva diseñada e desenvolta polo Conservatorio de Música Tradicional e Folque (Galiza) en colaboración co Instituto Superior de Arte (Cuba). Conta co pulo das administracións galega e cubana. Feira do libro da Habana 2008.

1. Alborada galega.

Pascual Veiga

2. Cuba-Galicia.

Guillermo M. Tomás

3. Un Adiós a Mariquiña.

José Castro Chané

4. Empanada de pollos. Xota/Muiñeira.

Rep. Quinteto Monterrey-Edelmiro Fernández

5. O Indiano.

Ricardo Fortes Albarellos

6. Del Ferrol a La Habana.

Juan Parga

7. Hermoso Cielo Cubano-Caldeliñas.

Antonio Rodríguez Álvarez-Rep. Rep.Quinteto Monterrey

8. 2ª Guajira.

Manuel Quiroga

9. Danzón.

José F. Vide

10. Miña Ruliña. Habanera.

Popular Galicia

11. Rumbas.

Popular Cuba/Galicia-Óscar Fernández

TEATRO MELLA. LA HABANA. VENRES 22 DE FEBREIRO.

Entrevistas_ directore musical galego: Pedro Pascual tlfe.649 030531 e Marcos Teira tlfe.654 953230

Recursos Radio Galega_ En sistema canción “La espera” de Alejandro Vargas,director musical da sección cubana.

Comentarios

1. M. Rosario Faraldo Rodríguez - 15 de Febreiro, 2008

Que feliz me faría que puidesen asistir as tías Elvira e Carmen da Fonsagrada que viven na Habana Vella, na rúa San Nicolás co teléfono8678216. Marcharon nos anos 30 xunto coas outras 3 irmás e xamais voltaron. Nunca colleron a nacinalidade cubana.
As actividades son variadas e moi acertadas pero non sei se alguén se preocupou que esta información a todos ou a maioría dos galegos que viven na Habana e resto de provincias. Ademais de que se enteren, tratar de de resolver o transporte ou favorecer dalgunha maneira que poidan asistir os diferntes actos.
Vostedes terían en conta as dificultades que teñes moitas das persoas nos traslados e prezos que teñen que pagar para poder asistir a calquera evento.
Direilles por exemplo que as tías das que lle falo xa son maiores de noventa, viven nun ático da Habana Vella que corresponde cun quinto piso,sen elevador e a pesar de estar moi ben coidadas, por problemas de saúde levan sen baixar a rúa moitos anos. Só baixaron para ir ó hospital e nuha padiola. A súa filla adicase só s seu coidado e a verdade que non lles falta de nada humanamente falando, pero non poden saír da súa vivenda. Este é un caso como outros tantos.
Só é un comentario para ter en conta se a vostedes lle parece que as actividades puideron asistir moitos galegos ou só os que teñen que ver coa cultura. Todos son galegos. Estos galegos xa son máis cubanos que galegos.
Unha aperta para as tías Elvira e Carmen Fernández da Habana Vella e da Fonsagrada tamén.
Un saúdo agarimoso a organización deste evento que sempre se poderá mellorar.

2. M. Rosario Faraldo Rodríguez - 15 de Febreiro, 2008

Tratar de favorecer a asistencia de tódolos galegos interesados nos eventos e que a información chegue a mairoía de galegos en Cuba. Moitas grazas pola oportunidade que nos dan para poder facer calquera comentario.
Que se fagan máis eventos coma este. A cultura e o traballo que pasaron os galegos emigrantes de calquera eido o merecen todo e máis. Grazas novamente.