EN FORMATO CD+DVD
O espectáculo "Terra de soños", que se presentou o pasado outono en Compostela e foi gravado ao vivo coma os concertos que o seguiron por diferentes cidades galegas é o cerne para este lanzamento discográfico en digipack o vindeiro 14 de outubro. Asimesmo, a banda actuará nas festas de San Froilán o 12 de outubro.
Case dúas décadas despois de que o grupo fixese a súa última actuación, o espectáculo Terra de soños brindou ao público galego a oportunidade de gozar do regreso de Fuxan vos Ventos aos escenarios. Foi este un retorno que xerou enorme expectación, tanto para aqueles que viviron o nacemento da banda, alá polo ano 1972, e foron partícipes do compromiso que destilaban as súas reivindicativas letras en galego, como para a seguinte xeración, aquela que creceu escoitando os casetes de Fuxan vos Ventos desde o asento traseiro do coche paterno. Tanto uns como os outros foron os que presenciaron a extraordinaria popularización de cantos tradicionais como A Carolina e a transformación doutros como Sementeira en auténticos himnos dun pobo.
Os dous concertos celebrados en Santiago de Compostela os días 18 e 19 de outubro de 2008, e que logo tiveron a súa continuación noutras cidades galegas, foron o xerme deste disco que agora ve a luz en formato digipack (CD+DVD). Aquela primeira cita no Auditorio de Galicia non supuxo un regreso calquera. Porque na escenificación da vinculación entre a canción popular galega e as novas formas de expresión do folk atópase o eixo que vertebra este Terra de soños: ademais das colaboracións dos máis destacados músicos do panorama galego actual, como Xabier Díaz, Guadi Galego, Uxía, Mercedes Peón, Pepe Ferreirós, Rodrigo Romaní ou Nova Galega de Danza, que achegaron un novo sabor aos xa clásicos temas do grupo, Fuxan vos Ventos contou co acompañamento dunha banda dirixida por Xosé Lois Romeu (Nova Galega de Danza; Vaamonde, Lamas & Romeu), artífice tamén dos arranxos instrumentais para este proxecto. Nesa banda figuran músicos tan destacados como Guillerme Fernández, Benxamín Otero, Roi Adrio, Simón García ou o cuarteto de corda Saiva Nova (Fernando Docampo, Iván Novo, Rosalía Vázquez e Sergio Sieiro).
Fuxan vos Ventos foi, por encima de todo, un grupo comprometido coa identidade de Galicia e cos obstáculos que a súa sociedade tivo que superar ao longo da súa historia recente. Foron, e son, un grupo que soubo transmitir as súas letras de pólvora e chegar a todas as capas da sociedade e en galego, cousa impensable na metade da década do setenta.
Con oito discos editados e unha traxectoria de máis de trinta anos, Fuxan vos Ventos xa traspasou fronteiras e xeracións. No entanto, o recoñecemento e a posta en valor da súa achega á cultura galega contemporánea, desde unha óptica renovada e actualizada, é hoxe cando se presentan máis que necesarios. Esa é a razón de ser deste Terra de soños.
0 Comentarios
Deixe o seu: