Que é?
Folque
aCentral Folque é un proxecto fundamentado no estudo, promoción e divulgación da música galega cun enfoque aberto, global e contemporáneo. Exerce a súa actividade nas áreas de docencia regular en escolas de Santiago e Pontevedra e de produción profesional de eventos escénicos e pedagóxicos.
aCentral Folque vén avalada pola experiencia de sete anos de funcionamento do
CMTF de Lalín nos que se consolidou como centro de referencia nacional e internacional, atraendo a alumnado de toda a xeografía galega e estudantes chegados de Estados Unidos, Estonia, Portugal, Romanía… a pesar da carencia dunha titulación oficial para este tipo de ensinanza na Galiza.
aCentral Folque aposta pola profesionalización do seu alumnado na súa orientación e plan de estudos. Para isto mantén relación e proxectos de colaboración con centros análogos coma o
CAT (Cataluña), Dastum (Bretaña), Kodaly (Hungría), D’Orfeu (Portugal), Instituto Superior de Arte (Cuba).
O resultado non é só un centro de estudo, mais tamén un espazo de encontro para a relación social e profesional de calquera persoa interesada na música galega.
aCentral Folque ensina
aCentral Folque ofrece unha formación integral. O alumnado, eixo motor do ensino, conta coa experiencia profesional do equipo docente integrada por un elenco de destacados músicos profesionais no ámbito da música popular galega. As actividades complementarias -cursos intensivos, excursións musicais, intercambios, producións discográficas e escénicas, valorización do patrimonio inmaterial, etc- ofrecen un apoio indispensábel á súa formación.
O obxectivo final do ensino será que calquera estudante sexa quen de desenvolver unha carreira profesional no eido da música se así o quixese.
O plano curricular de centro e de aula, únicos en Galiza para a música popular, fundaméntanse na formación en diferentes eidos: linguaxe musical, instrumento, historia, interpretación colectiva (
combos), improvisación,... Compleméntanse cos cursos monográficos de formación permanente -sobre outras músicas, artesanía instrumental, técnicas vocais modernas, danza, expresión corporal,...- para acadar que o alumno non sinta a aprendizaxe da música tradicional coma un feito illado senón contextualizado e en relación con outras artes. Deste xeito,
aCentral Folque aporta unha experiencia educativa interdisciplinar.
aCentral Folque difunde
Por medio da súa
páxina web, consolidada como referente no seu xénero despois de 7 anos de existencia,
aCentral Folque ten contribuído non só a transmitir información sobre a propia entidade mais tamén a unha promoción internacional da música popular galega.
O equipo de comunicación difunde todas as actividades organizadas desde o centro nos media de Galiza, España e Portugal e canais especializados de Europa -revistas e portais web-.
aCentral Folque produce
Dentro do eido da pedagoxía musical, ademais do ensino regular do centro, o equipo estábel de
aCentral Folque organiza cursos monográficos especializados; cursos intensivos de verán; obradoiros no Festival Internacional de Ortigueira, Postgrado de Música Galega (coa
USC) ou o Congreso de Antropoloxía Musical.
Así mesmo,
aCentral Folque organiza actividades que unen a dimensión pedagóxica coa escénica nos Encontros Internacionais: de Acordeón Diatónico -Ponteceso-, Zanfona Contemporánea -Narón- e Pandeiros de Mao -Pontevedra- apostando pola descentralización xeográfica.
En canto á promoción,
aCentral Folque impulsa, en colaboración con institucións públicas e privadas, a realización de series temáticas de concertos coma o
Ciclo de Músicas Portuarias -Ferrol-,
Ciclo Trad -Pontevedra-; leva producións exclusivas como a Descarga ao Vivo Galiza-Cuba 08, e a publicación de estudos de investigación musicolóxica (
Etnofolk,
revista Murguía), edición discográfica e audiovisual.