Plano de Estudos

O ensino da AFI non se cingue a un proxecto regulado, senón que se propón como un aprendizaxe experimental baseado no ritmo, o movemento, a voz e a composición colectiva. O modelo pedagóxico da AFI quere potenciar as capacidades propias do alumnado cun carácter multidisciplinar. A AFI propón aos nenos unha relación coa contorna contemplando o feito sonoro como unha ferramenta comunicativa e de autocoñecemento, sen cinguirse ao uso exclusivo dos medios escritos e visuais imperantes no ensino actual.

Ademais, a AFI propón un ensino sen transmisión directa baseado nun profesor que conduza ao alumnado ao descubrimento por si mesmo dos coñecementos da materia a impartir. O mestre fornece os mecanismos de exploración interna infantil dun xeito lúdico e non traumático.

Fundamentos do ensino

Na AFI ofértanse dun xeito integrador tres aspectos fundamentais da música popular: o ritmo, o movemento e a voz -desenvolvidas nas clases de percusión, baile e canto-. Tamén se propón un espazo de creación, o laboratorio de producións, cun estudo de gravación onde o alumnado autoxestionan as súas capacidades compositivas. Así, podemos presentar catro piares básicos do seu ensino:
  • O ritmo: o estudo do ritmo é o elemento máis básico na pedagoxía  musical así coma o máis universal e que máis directamente relaciona estilos de diferentes partes do mundo. Na AFI, o estudo rítmico faise a través da percusión galega, en base ás técnicas e ritmos tradicionais galegos como punto de partida. Percusións do mundo e construción de instrumentos son aulas que apoian este aspecto.
  • O movemento: o movemento e control corporal canalízase por medio do baile galego o que axuda aos nenos e nenas a practicar a coordinación, o exercicio físico, o xogo, a sincronización colectiva, a relaxación muscular,…
  • A voz: o instrumento primordial da música, a voz, forma parte básica da docencia como ferramenta para que as nenas e nenos exploren as características propias das cordas vocais e do corpo como caixa de resonancia con técnicas básicas, o que resulta un xeito ideal e sinxelo para o inicio no canto. Ademais as aulas realízanse sobre textos de cantigas e coplas populares de tradición oral e composicións propias do alumnado.
  • O Laboratorio de Sons: trátase dun espazo aberto centrado na composición colectiva dos rapaces e no deseño conxunto entre profesores e alumnado dun espectáculo anual, onde se pon en práctica o aprendido  nas aulas. O Laboratorio de Sons conecta o alumnado co proceso de concepción e desenvolvemento dun produto escenográfico. Os profesores canalizan as súas ideas e esforzos para que sexan os autores reais de cada proxecto. Ademais edítase un CD distribuído o dia do espectáculo que amosa as composicións e tendencias de cada ano.