Roberto Sala

Profesor de  requinta e flautas traveseiras

Comeza a estudiar frauta traveseira e solfexo en Madrid no ano 1987 co profesor José Luís Vilches (orquesta de RTVE). No ano 1989 trasládase a Santiago de Compostela, onde continua os seus estudos no Conservatorio e por outro lado, en contacto coa música tradicional galega. Continúa a sua formación frautística da man da profesora cubana Gladis Castelo. Ao longo deste ano vai coñecendo músicos como Kim Fariña (Dhais, Berrogüeto), Luis Arean (Dhais), Chus Bello (Xorima, Beleño) e outros que son para el grandes mestres, que o introducen na música tradicional e na nova corrente da música folque.

No ano 1991 comeza a estudar gaita, requinta e percusións tradicionais galegas. Durante ese ano e algúns mais, participa en proxectos como o grupo folque "Breixa", gañador da 2° edición do concurso "Cidade Vella" de Compostela e "Ophiusa", grupo gañador de varios concursos, entre eles, o de música folque "Palegrín", gravando un disco conxunto con outros finalistas. Tamén participa en numerosos actos co duo de música barroca formado co frautista Fred Nigels.

No ano 92 funda o cuarteto de música tradicional "Acibreira", tocando por toda a xeografía galega xunto a Chus Jiménez Rojo, Carlos Serrano e Pedro Bouzas. Neste ano, durante a súa formación frautística pasa a abordar outras músicas como o flamenco ou o jazz.

A partir do 95 imparte aulas de gaita, percusións e solfexo, principalmente na comarca do Deza, nas seguintes agrupacións: "Ailola" de Lalín, "Grupo de Gaitas do Concello de Dozón", "Bico da Balouta" de Agolada, "Dalle co Ronco" tamén de Agolada, "Outras Herbas" de Santiso (Lalín), "O Eixo" da Xesta (Lalín), "Fiadeira" de Antas de Ulla (Lugo), "Casa da Xuventude" de Lalín", "Concello da Lama" (Pontevedra). Tamén forma parte, desde a súa fundación, do grupo de cámara de música antiga "Martin Codax" de Compostela, dirixido por Manuel Fariña e Fernando Olbes, co que grava 3 discos. Con esta formación comeza a tocar instrumentos antigos como a chirimía e o clorormo. Tamén lle adica especial atención ás frautas de pico que xa estudara anteriormente.

No ano 98 súmanse a "Acibreira" Manuel Amigo, Luisa Areán e Xosé Breijo para interpretar música antiga e de composición propia recorrendo ata hoxe en numerosísimas ocasións toda a xeografía da península ibérica. No ano 99 forma o grupo de música folque "Son do Pao", participando entre outros festivais na "Esmorga folque" da Bandeira ou na "Foliada de Lalín" e con un disco en camiño. Xa dende o ano 94 colabora co grupo de investigación etnolóxica formado por Xosé Breijo, Marta Mouriño e outros músicos e bailaríns recollendo e aprendendo as vellas tradicións.

Na actualidade imparte aulas de frauta traveseira e requinta no Conservatorio Folque de Lalín, aulas de gaita e percusións tradicionais na agrupación "Arco da Vella" de San Miguel de Reinante (Lugo), na A.C. "Osorio Gutiérrez" de Vilanova de Lourenzá (Lugo) e cursos individuais na localidade de Ribadeo (Lugo) xunto coa súa actividade nos grupos "Acibreira", "Son do Pao" e "Martin Codax".