jump to navigation

‘Benzón’ de Guadi Galego

18 de Maio 2009 - Enviado por Folque a: Novas,Novidades discográficas
Trackback

benzon

Acaba de sair á rúa o novo disco de Guadi Galego, ‘Benzón’, un traballo de inspiración propia e múltiples colaboracións. O mércores 20 fará a rolda de presentación oficial no restaurante O Dezaceis da rúa de San Pedro en Compostela, á que asistirán algúns músicos que saen no disco coma Guillermo Fernández e Uxía.
Guadi Galego devece pola música tradicional galega. As súas cancións teñen ese sabor vello e novo a un tempo. Neste disco tivo o bo ollo de rodearse de grandes músic@s e letristas de aquí que revitalizan e perpetúan cunha visión contemporánea o noso rico e fermoso acervo popular. A inspiración e beleza dos arranxos veu dada quizais, polo amor profundo que profesan á nosa música e tamén ao traballo rigoroso de Guadi neste campo onde aínda hai tanto que arar.

Foi cociñado na casa, entre amig@s, cos aloumiños precisos. Ben o puido facer ela soa, pero quixo amosar o incríbel mosaico de creadores de mundos polos que ela tamén transita valente, ecléctica e sen prexuízos. Do novo folk ao jazz, do tradicional ao pop. Cando a escoitei por primeira vez díxome o meu instinto que nada volvería a ser igual na música galega dende a
súa revolucionaria irrupción.

Hoxe está máis plena e madura ca nunca como compositora, letrista e intérprete e sabe moi ben de onde vén, cal é a súa orixe e sen perder de vista o berce, poderá alcanzar o universo todo coas mans. Da Paradanta a París, da Serra da Capelada á Habana.

Esta morena de Cedeira trae canda ela o recendo salgado dos portos do norte e a brisa fresca do talento mariñeiro prendido da súa voz. Na súa leira medran barcos vellos, utopías, folliñas de alecrín, o eco dos nosos antergos e unha fonte de melodías e palabras que nunca seca.

Cativa e seduce polo fondo sentimento que lle imprime á súa música, pola intensidade coa que di cada sílaba como se quixera salvarnos do medo e da dor. Emotiva e fráxil, serena que serpea nos nosos corazóns, os pés nus nunha terra que ama e que fai máis nosa cando ela a viste co seu canto.

O tempo se cadra, para de vez, e déixanos beber a amizade nunha taberna ao norte do alén.

Comentarios

1. DENDE O CABO DO MUNDO - 24 de Maio, 2009

Pequena querémoste eres o mellor que pareo Cedeira, artista!!!!

2. DENDE O CABO DO MUNDO - 24 de Maio, 2009

Se non che dan o Grammy e que este mundo vai perdido, noxo de país. Ghaiteira!!!!!

3. abretedeorellas - 26 de Maio, 2009

fermoso disco, abofé

4. abretedeorellas - 5 de Xuño, 2009

http://www.abretedeorellas.com/discos.htm