Que é?
aCentral Folque é un proxecto fundamentado no estudo, promoción e divulgación da música galega cun enfoque aberto, global e contemporáneo.
aCentral Folque dá continuidade á experiencia dos sete anos de funcionamento do Conservatorio de Música Tradicional e Folque (CMTF) de Lalín, nos que se consolidou como centro de referencia nacional e internacional atraendo a alumnado de toda a xeografía galega e estudantes chegados de Estados Unidos, Estonia, Portugal, Romanía… a pesar da carencia dunha titulación oficial para este tipo de ensinanza na Galiza.
O resultado non é só un centro de estudo, mais tamén un espazo de encontro para a relación social e profesional de calquera persoa interesada na música galega.
aCentral Folque ensina
O Centro Galego de Música Popular ofrece un espazo para a aprendizaxe da música galega para que calquera estudante poida desenvolver unha carreira profesional no eido da música.
O plano curricular fundaméntase na formación en diferentes eidos: linguaxe musical, instrumento, historia, interpretación colectiva (combos), improvisación,… Cos cursos monográficos de formación permanente -sobre outras músicas, artesanía instrumental, técnicas vocais modernas, danza, expresión corporal,…- para acadar que o alumno non sinta a aprendizaxe da música tradicional coma un feito illado senón contextualizado e en relación con outras artes.
aCentral Folque produce
Ademais do ensino regular do centro, organiza producións de calidade cunha orientación netamente pedagóxica coma a AFI (Aula de Folque Infantil de Pontevedra); os cursos monográficos ao longo do ano ou os cursos intensivos de verán.
tamén actividades que unen a dimensión pedagóxica coa escénica nos Encontros Internacionais: de Acordeón Diatónico -Ponteceso-, Zanfona Contemporánea -Narón- e Pandeiros de Mao -Pontevedra- apostando pola descentralización xeográfica.
Porén aCentral promove, en colaboración con institucións públicas e privadas, a realización de series temáticas de concertos coma o Ciclo de Músicas Portuarias -Ferrol-, Ciclo Trad –Pontevedra-; leva producións exclusivas como A Descarga ao Vivo Galiza-Cuba 08, e a publicación de estudos de investigación musicolóxica, edición discográfica e audiovisual.