jump to navigation

«Cantigas xa estaba aí cando o bum do folclore»

6 de Xaneiro 2007 - Enviado por xan pampin a: Entrevista,Novas
Trackback

Entrevista | Pedro Senande

Este colectivo que empezou como coro celebra os seus 85 anos.

(Concha Pino | santiago)

(…)

-Cantigas é case unha institución en Santiago ¿como empezou a súa historia?

-O xerme foi un coro, que é a formación histórica de Cantigas e Agarimos dende que naceu en 1921. Despois formouse tamén un grupo de teatro galego, impulsado por Rodolfo López Veiga. A agrupación de baile non se formou ate a década dos 70, pero afianzouse axiña e con moito mérito porque o repertorio fíxose a base de moito traballo de campo para buscar e recuperar o folclore por toda Galicia. O certo é que a asociación, polo que sei, desenvolveu un papel moi importante na cidade, sobre todo antes da guerra, porque dinamizaba a vida cultural da cidade. Hoxe segue organizando o Día da Muiñeira. E cando o folk foi un bum, Cantigas xa estaba aí.


-¿Un dos seus maiores activos son as súas escolas?

-Si, coidamos moito as escolas porque son o futuro. Se non tes relevos que veñan detrás, desapareces. E de feito é o mal que ameaza moitas formacións. Entre as escolas de baile, de gaita e de percusión temos arredor de 120 alumnos, e dende os 3 anos en diante, porque non hai tope de idade. Damos clases por niveis e para nenos e adultos. O malo é que as nenas triplican aos nenos, e que na adolescencia hai unha caída de xente, debido á competencia doutras actividades. Queremos atraelos, porque no grupo oficial non temos problema, pero pode habelo.

-¿Todos os compoñentes saen desta base?

-Normalmente si, agás os directores, porque non sempre é posible. Neste momento, o grupo de baile e o coro están dirixidos por dúas mulleres, Marina Torrado e Rosa María Fernández Eiras, que non tiñan relación con Cantigas. Os profesores si, porque os directores promoven aos que coida que teñen aptitudes para ensinar.

-¿Cal é a media de idade?

-Non é alta. No coro anda polos 45 anos, e no grupo de baile se cadra non chega aos 25. Claro que tamén son moitos os que deixaron Cantigas para formar outras formacións, e temos casos salientables, como Anubía, Leilía, Xochilmica…

-¿A calidade de Cantigas hoxe en día correspóndense co peso do seu nome e da traxectoria histórica?

-A impronta histórica débese á masa coral, que foi o referente ate os anos 70. A sección de baile ten menos historia, pero a nivel técnico e artístico coido que é das mellores. Outra cousa é como espectáculo, sobre todo se nos comparamos con grupos como Xacarandaina e Fiadeiro, que teñen unha produtora detrás e máis orzamento.

-¿As contas andan mal?

-Nunca andan ben. Funcionamos como unha agrupación pequena malia sermos unhas 80 persoas. Nós traballamos por amor á arte e, agás os directores das seccións, non cobra ninguén. Estamos moi limitados polo local, que é pequeno para a escola e non podemos dar clases simultáneas, por exemplo, nin variar a oferta para ter máis ingresos.

-¿Un local pequeno e que teñen que deixar xa, non?

-En catro anos temos que estar fóra, porque a casa vendeuse. Pero é un problema vello, porque nunca tivemos un espazo propio. Andamos tratando o tema coa Xunta e co Concello, a ver que se pode facer. O ideal sería contarmos cun local propio ou cedido.

-¿Teñen un fondo patrimonial importante, non si?

-Vestiario temos moito, con pezas moi ricas, pero trilladas de tanto uso e que agora non se poñen. O arquivo de folclore recollido por toda Galicia é amplo e importante. Faría falta un centro específico, público, para gardar en condicións esta documentación, a nosa e a doutra xente, porque sería mágoa que se perdera.

Comentarios

Comentarios fechados