jump to navigation

Escenas sonoras e canto tradicional no Fórum da Coruña

8 de Xuño 2009 - Enviado por Folque a: Concertos,Novas
Trackback

O mércores 10 de xuño, ás 20.30 horas no Auditorio do Fórum metropolitano da Coruña, Nelson Quinteiro presentará “As mans perdidas”.
mansperdidas.jpg
Baixo este nome atópase un concerto baseado fundamentalmente na voz pero con toques de interpretación, danza tradicional ou contemporánea.

As Mans Perdidas fai referencia ás persoas que se agochan detrás das letras da poesía tradicional, e que nos contan historias de vida de fatiga, de moito traballo ou miseria, pero tamén de amor, de ganas de vivir, e dun marco natural que o envolve todo.

Con este concerto Nelson Quinteiro fai un percorrido ós seus temas tradicionais ou de autor que vén escollendo dende fai anos, con novos arranxos e un grande sentimento. As mans perdidas é para este autor cangués o fin dun camiño e o comezo de outro no que vai acadando un son propio e unha identidade máis definida.

O intérprete fai uso dunha serie de elementos como mesa de efectos, pedais de loops ou diferentes micrófonos para crear polifonías ou escenas sonoras, sobre as que baila, recita ou interpreta.
Con “As mans perdidas”, Nelson Quintero ofrece un recital íntimo, un concerto que mostra a vertente máis persoal deste artista, que noutros campos destaca com director de iniciativas como o Festival Galego de Cabaré ou da Compañía Femme Fatale.

A actuación entra dentro do Ciclo “Espazo Aberto” da Concellería de Cultura do Excmo Concello da Coruña.

A entrada ao espectáculo é de 5 €.

+ INFO:

www.terceirope.blog.com

www.myspace.com/cantareiro

“Se queres saber quen sonabre a xanela, e mira.

Eu son aquel descoñecido

que algún día te quería”

Comentarios

Comentarios fechados