jump to navigation

Entrevista con: Ugia Pedreira

28 de Agosto 2006 - Enviado por gaitomano a: Entrevista,Novas
Trackback

Ugia Pedreira (directora do CMTF de Lalín, membro de Marful e Nordestinas).

UGia_191.jpg

Entrevista con Ugia Pedreira (directora do CMTF de Lalín, membro de Marful e Nordestinas).

Comezaches a compoñer ós 13,14 anos e con esa idade subicheste a facer o teu primeiro
concerto nun festival da canción. É incrível a necesidade de comunicarte con outras persoas non?
Pois si, efectivamente. Son filha única e creo que iso fixo voar a miña imaxinación -neste caso-
cara á musica e as palabras. Lembro que na casa familiar cantaba a todas as horas en distintas partes da casa:
no baño diante do espello, no comedor, no faiado … porque en cada sitio havia unha sonoridade especial. Cantaba pop, rock, copla
cancións galegas, as miñas. Imaxinaba coreografias, palcos, cancións e atuendos varios… se eu estivese delgada seria todo un perigo!.
Miña prima dixome que habia un festival da canción na praia de  Benquerencia e ali me fun coa guitarra e 4 acordes.
Gañei unha copa prateada como as que regalan no futebol, menos mal que non foi unha placa coma as que dan nas homenaxes.Surreal!.
Si, tiña 13 ou 14 anos.

E porqué a musica e non outra forma de arte ou de comunicación?
Gosto muito do mundo da pintura do desenho mas non o desenvolvin. De vez en cando soltome coa fotografia,  ideias de cartelaria ou de moda  cando traballo no CMTF. E no palco tou pendente das artes escénicas en xeral amais da música. Eu segoche o camiño da expresión e rindome ante a naturalidade e autenticidade (e habela haila!) de calqueira artista que teña diante. Mas a música vai conmigo desde a barriga materna. Miña mai cantaba en casa e foi conmigo unha docente inconscente. Ela non tiña estudos musicais mas tiña un ouvido finísimo. Cantabame tonadas asturianas, cancións dos Coros galegos, boleros, copla, cuplé e varietés…e meu pai cantabame rancheras, cancións de taberna incorrectas para unha nena.O meu era un ambiente moi musical porque na Casa do Galego (como lle chaman a meu pai) era unha casa de pousafoles. Por ali pasaba moitos personaxes diversos. Cantar é  un xeito de comunicarte co mundo, … lembro que durante un tempo era o que facia todos os dias.  Eu sempre quixen cantar e grabar discos.

Cómo chegou Chouteira e o CMTF á tua vida?
Comecei cantando en Chouteira porque unha noite saín por un bar compostelán que se chama Tarasca e ali coñecin a Xulio Merlo (agora manager de Berrogueto) que estaba no grupo e propuxomo, non sei ainda ben porqué. Aceptei e ia ensaiar a Redondela desde Compostela. Collia o tren e ficaba a durmir en Cangas. Esas viaxes en tren de ida e volta eran muito fermosas e carregadas de anédotas. Como non teño diario-blog público estas fican para os colegas.
Ao princípio Chouteira era para min unha aventura: a lingua e o sotaque, a casa grande con piscina donde ensaiabamos,a música que escuitabamos no carro, a xente diferente que viña ver o grupo nos concertos desde un heavy, pasando por unha mariscadora, unha nena… Pouco a pouco propuxen as miñas cancións e funme integrando no grupo. Era un grupo que xa existia sen min e tiña os seus hábitos e a sua forma de levar o sector feminino. Este é todo un tema a desenvolver con calma, refirome ás mulleres nos grupos masculinos.
Percorremos muitos camiños xuntos con tres discos e son quen de mirar a CHouteira na distancia para decir que foi un  grupo folque con espíritu punk (que saltou muitos clichés dentro da música tradicional)  e tou muito orgullosa de ter creado esa música cos meus compañeiros. Estando en Chouteira namoreime do gaiteiro R.Pinheiro e fruto dese namoramento e da amizade que me une con J.Luis do Pico (antigamente membro de Leixapren) nasceu a Asociación Arco de Mazarelos. Esta asociación organizabamos  en Santiago as primeiras semáns de Cultura Tradicional Galega co apoio do Museo do Pobo Galego. Eramos uns estudantes que tiñamos na cabeça un fundo interese pola cultura popular (nesto andabamos alo polo  1996). Este trio de amigos creamos moitos proxectos e cancións e até chegamos a ter un grupo que se chamava Arma-danças de repertorio galego-português. Os soños, as conversas, o coñecimento, as ideias  deron no Conservatorio Folque de Lalín e en certo repertorio que eu empreguei en Marful: Menina, O Toque de Carvalhais,  p.ex ou o inspirador cancioneiro inédito de Marcial de Valladares.

Entón tu es unha cantante de folk que rechaza alguns dos tópicos do folk. Tes unha relación de amor-odio coa tradición folk?
Pois claro que … non. É a música que levo dentro desde nena. A música que cantaba, que canta a miña comunidade. Houbo unha época en que me sentin perdida por ignorancia, por non coñecer o significado das palabras, por non saber que era o que taba cantando ou creando.
Os antropólogos musicais fan o seu traballo, os educadores musicais tamén, os investigadores profesionais seguen coas suas teimas e descubertas, os etnógrafos tamén… eu escrebo cancións co vento que levo dentro. Ese vento está composto de miles de partículas: o que escuitei na casa,  na Tv, na radio, nos discos que merco, das persoas que quero. ah! bon tambén dirixo un centro folque acompañada por profesionais que queren viver cada vez mellor do seu traballo de músicos (e non están loucos ou sim?) e tambén  acompañada por uns alumnos aos que intentamos darlles todo e mais, sen verdades absolutas, con sentido crítico, facendo contexto e axudandolles a modelar e sacar pra fora a musica que eles tamén levan dentro. Creo que a relación é de amor. O grupo de ska Banda Bassotti din que son unha cantante folk. ?¿

No mundo global para qué serve o folk e cal é a tua contribución?
Como isto son perguntas que se lle fixeron tambén a Ani Difranco resposto como ela. “para manter calqueira linguaxen viva hai que adaptala a un mundo en permanente evolución. En cada reunión, movemento, manifestación…sempre hai alguen cantando folk, a música dun povo”
Claro que esta pergunta tamén a escoitei en voz dun político: – pero isto a quen lle interesa? isto serve para algo?
Crear festas, festivais, encontros musicais, xornadas instrumentais, congresos… todo suma para que a xente coñeza o seu pasado e traballen no presente para construir o seu futuro. Porque o futuro dalguen quizás están en ser  un bon acordeonista de diatónico que vai tocando por Europa adiante. Eu non tou  na porcentaxen de xovens “españois” que desexan ser funcionarias para o resto das suas vidas.
A miña contribución ó folque é a miña forma de ver a galaxia desde o planeta musgo.
As melodias que fago, as letras, a forma de cantalas, as curvas, a forma que teño de bailalas e de exprimilas para que cheguen á xente. E a todo mundo non lle chega igual, para gostos compoñense cancions.

Qué dirias que é o mais influente que pasou coa música durante os últimos quince anos?
Creo que non hai tanto control sobre a música. Existen unhas grandes multinacionais que todo o moven e unha maioria que todo o consume. E depois segue coma sempre existindo o underground na tua vila, cidade, na internet.
Os medios tecnolóxicos están aí perto da xuventude e calqueira pode hoxe grabar, iso non quere dicer que calqueira o faga en boas condicións.
Non todo o que hai na rede é peixe.
Se me refiro a Gz pois o mesmo digo. Estan os que teñen a música como un hoobie, as que saltaron ás multinacionais, os rapazolos que graban en casa unha maqueta, o underground, as versións e as copias, os que traballan no sector,  os que rebasan as liñas ou os que chegan pacientes até as liñas e na redes galegas non todo é peixe vai para o barco.

Imaxina que escuitas unha canción por primeira vez e que inmediatamente che encanta. Como é a canción perfeita?
Pois eu deixome levar facilmente. O caso é que me transmita algo ben harmonicamente, melodicamente, coa letra, coa forma e estructura…
Teño que somatizala dalgunha maneira, tenme que chegar ó corpo… e xa fico prendada. Mas non son un publico nada fel, igual que me prendo me desprendo e voltome a prendar doutra.

Cal é a tua definición de música popular?
Penso que podemos comezar leendo a entrada da wikipedia e logo xa hai outras leituras mais recomendabeis, quen queira sabelas que se matricule no CMTF.

Cal é o teu futuro inmediato musicalmente falando e donde tes a cabeciña para o próximo ano?
En tocar e tocar con Marful, o dia 2 de setembro grabar con Nordestinas no Teatro Principal de Santiago, e tocar e tocar con Nordestinas. Agardo tamén que saia proximamente o fermoso disco despedida (ou non) de Ecléctica Ensemble.  E supoño que continuarei dirixindo o centro (CMTF, Afi, EFI) e …un ano mais voltoume a chamar Cristina Dominguez para facer o espazo sonoro dunha obra para o CDG que se presentará en outubro e seguramente farei algo mais para teatro. Espero seguir a colaboración da radio ás mañás pois é un auténtico luxo  ter un autofalante como este para dar a coñecer o mundo musical galego mais agochado. Bon e espero ser disciplinada e  poñer en limpo varios poemas e cancións. Etamén teño  uns cantos castelos e soños por se me aburro. E….

Comentarios

1. admirante - 7 de Setembro, 2006

Nesta foto pareces Amelie. Se chegas a estar delgada creo realmente como ti dis na entrevista que serias un peligro, xa eres agora dabondo polo menos
nos escenarios.

2. sorpresa - 14 de Setembro, 2006

Coñecinte con Chouteira e mais ou menos sigo o teu traballo. Gustoume Gracias a la vida coa Banda Bassotti e agora gustoume moito Marful e Nordestinas. Que te vaya bonito, bonita!

3. a sus pies - 27 de Marzo, 2009

a ti habiate que fazer un aeroporto e non unha rua. gracias por facernos felices a min e aos meus amigos. guapa! benito